Estás en:Novas
ebiblioDaCoruna Club Lector

Conversa "A escrita como identidade" con Lucía Aldao e Samuel Merino

O vindeiro xoves 4 de decembro temos programada unha conversa en liña con Lucía Aldao e Samuel Merino na sala Páxinas de orgullo, dos Clubs virtuais da Biblioteca Provincial.

Ás 19:30 h na eBiblioDaCoruna a través do enlace: https://meet.google.com/txt-fxbk-pkn.

Conversa

A escrita como identidade

Neste encontro en liña teremos oportunidade de abordar en profundidade o proceso de escrita de Samuel Merino e Lucía Aldao. Cunhas traxectorias sólidas e recoñecidas, abordan o literario desde un carácter multidisciplinar no que a palabra se converte en acción. Comparten o proxecto poético-musical Os nomes íntimos. Nas súas obras podemos atopar unha radiografía do íntimo e unha oportunidade de repensar o que nos define. Na conversa poderemos escoitar as súas reflexións e tamén achegar as nosas propias dúbidas.

Accede aquí

Sobre as participantes

Lucía Aldao é unha poeta e música da Coruña que leva máis de media vida recitando e cantando nos escenarios máis variados. Poesía escénica para todos os públicos, música, humor e animación cultural son as súas principais ocupacións profesionais. É autora dos libros Todo isto antes era noite (Apiario, 2018) e Ninguén morreu de ler poesía (Xerais, 2020), asinado por aldaolado, entre outras numerosas publicacións colectivas. É tamén a creadora e coordinadora do certame de narrativa temático do Concello de Curtis. Lidera a banda PAVA, coa que obtivo en 2024 o Premio Martín Códax ao mellor proxecto de pop/indie.

Samuel Merino é un creador multidisciplinar de Mos (Pontevedra) que desenvolve o seu labor arredor dunha poética que leveda na súa formación filosófica (é licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela) e mais na súa formación e experiencia no eido das artes escénicas. A súa obra adoita tomar corpo na oralidade secundaria dos recitais e en breves presentacións que transitan os camiños do teatro e da performance. Entre a obra publicada destacan: Guantanamera. Poema nun só acto (Editora Urutau. 2021), Con esta hoz / Con esta fouce (Disbauxa Editorial. 2023), Claustro Corda Comensal (Editorial Galaxia. 2023) e Manual de Camuflaxe (2025), obra coa que acaba de gañar o XIII Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey.