Mergullando sen nos mollar, unha viaxe aos fondos mariños coa realidade virtual
A actividade, organizada pola Deputación da Coruña e impartida pola Cooperativa 13 Grados, realizarase en 10 centros para persoas con discapacidade da provincia.
Unha viaxe inclusiva polos fondos mariños de Galicia con só un pequeno xiro da cabeza.
En Galicia existe unha biodiversidade enorme baixo as augas que pouca xente ten oportunidade de descubrir. Os fondos mariños adoitan estar reservados a persoas mergulladoras experimentadas; porén e grazas á tecnoloxía, a Deputación da Coruña quere que calquera persoa poida somerxerse neste medio único sen se mollar... e sen barreiras.
Mergullando sen nos mollar ofreceralles ás persoas con discapacidade de dez centros da provincia da Coruña a posibilidade de explorar os fondos mariños de Galicia mediante gafas de última xeración de realidade virtual. Quen participe vivirá unha experiencia realista nos ecosistemas submarinos máis representativos da nosa costa: bosques de argazos movéndose coas correntes, zonas de bateas con centos de cordas penduradas cheas de mexillóns, polbos e outros animais, agochados nos ocos das formacións rochosas, espirógrafos, estrelas de mar... todo un espectáculo natural accesible cun so xiro da cabeza.
Ademais do compoñente lúdico, a actividade ten un importante valor educativo. Ao longo de todo o percorrido virtual, as persoas participantes coñecerán aspectos claves da fauna e flora mariña galega, do papel dos ecosistemas costeiros e da importancia de conservar os océanos.

Calquera persoa, con independencia da súa mobilidade ou diversidade sensorial, pode participar da experiencia con comodidade e seguridade. Os contidos audiovisuais, gravados integramente en augas galegas, contarán cunha locución detallada que acompaña ás imaxes, polo que as persoas con discapacidade visual tamén poderán "ver con palabras" o que aparece na pantalla.
O obxectivo desta actividade é simple: que ninguén quede fóra desta aventura mariña.

