A sétima edición do Luísa Villalta premia oito proxectos pola igualdade
O VII Premio "Luísa Villalta" a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, recibiu este ano 22 solicitudes
As oito propostas escollidas polo xurado desta edición recibirán unha axuda de até 12.500 euros
Estes proxectos "non só visibilizan desigualdades; tamén propoñen ferramentas e relatos novos para combatelas", destaca a deputada de Igualdade, Sol Agra
O VII Premio 'Luísa Villalta' a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, recibiu este ano 22 solicitudes. Deste total, o xurado seleccionou oito propostas que serán distinguidas nesta sétima edición cunha contía máxima de 12.500 euros. "A edición deste ano confirma que a igualdade está a ser un motor creativo de primeiro nivel", destaca a deputada de Igualdade, Sol Agra Tuñas.
O xurado, presidido por Agra, estivo formado polos vogais Adrián Manuel Gonçalves Barbosa, María Victoria Rivadulla Conde e Daniela Ferrández Pérez, actuando como secretaria Manuela Muñiz Souto, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes da institución provincial.
Valoraron especialmente a coherencia metodolóxica, a calidade artística e o forte impacto social das propostas premiadas. "Moitas delas están pensadas para chegar a centros educativos, colectivos feministas, espazos culturais ou comunidades locais, multiplicando así o seu efecto", salienta Agra.
Estes proxectos "non só visibilizan desigualdades; tamén propoñen ferramentas e relatos novos para combatelas", enfatiza a deputada. "É especialmente relevante que boa parte das propostas recuperen historias de mulleres que quedaron fóra dos relatos oficiais. Recuperar esas voces é un acto de xustiza e tamén unha forma de educar as xeracións máis novas na memoria democrática e na igualdade", conclúe.
Os proxectos premiados
— Espontaneadas, de Martela Films, S. L. Recibe 12.500 euros. Trátase dun proxecto audiovisual de alta calidade, cun enfoque feminista sólido, rigor histórico e clara vocación educativa e social. A proposta destaca pola profesionalidade do equipo, pola coherencia metodolóxica e pola relevancia cultural e territorial. O equilibrio entre memoria histórica, creación artística e acción pedagóxica convértea nunha das iniciativas máis completas no seu ámbito. O proxecto resulta necesario na tarefa de recuperar e construír unha historia en feminino, ampliando o coñecemento sobre o pasado máis alá de relatos oficiais que excluíron ás mulleres.
— A ditadura é un señor con bigote, de María Montserrat Fajardo Pérez. Recibe 12.467 euros. É un proxecto necesario para divulgar as consecuencias da ditadura desde un enfoque de xénero e contribuír á construción dunha cidadanía democrática. A investigación das causas xudiciais contra mulleres e o estudo da misoxinia estrutural do franquismo converten esta proposta nunha ferramenta única para comprender a raíz histórica do machismo contemporáneo. Destaca pola capacidade para fomentar pensamento crítico na mocidade e contrarrestar discursos antifeministas e antidemocráticos que proliferan nas redes sociais.
— Virando o rosa, de Diana Fajardo Rama. Recibe 12.500 euros. É un proxecto necesario para dar voz en primeira persoa a mulleres que padeceron ou padecen cancro de mama. Os obxectivos están claramente definidos e a vontade de rachar estereotipos e contribuír ao benestar destes colectivos resulta fundamental. Combina rigor, creatividade e unha perspectiva feminista que lle permite abrir espazos de diálogo e influír positivamente na percepción social da enfermidade e na atención ás pacientes.
— Non precisamos perdoar, de Eugenia Manuela Sanmartín Alonso. Recibe 12.500 euros. Proposta cultural ben fundamentada e necesaria, que recupera un episodio de violencia institucional contra as mulleres e o sitúa no centro da creación escénica contemporánea. A obra articula memoria histórica, crítica feminista e discurso reparador, xerando preguntas sociais relevantes e abrindo espazos de reflexión colectiva.
— Non damos puntada sen fío, de Chiripa Producións, S. L. U. Recibe 12.500 euros. Proxecto audiovisual moi sólido, profesional e profundo, cunha perspectiva feminista que atravesa tanto o contido como o proceso de produción. Destaca pola capacidade para visibilizar o traballo das mulleres en múltiples planos —creativo, técnico, de coidados e de memoria cultural— e pola conexión co tecido teatral galego, coa autoría feminina e coa tradición das modistas.
— En loita. A voz das mulleres na oposición antifranquista, de Mazarelos Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil. Recibe 12.500 euros. É un proxecto maduro, ben fundamentado e socialmente necesario, que achega unha perspectiva feminista á memoria da Transición e visibiliza o papel das mulleres no movemento estudantil galego. Destaca pola solidez metodolóxica, pola coordinación entre entidades culturais e académicas e pola súa vocación de transferencia social mediante o acceso aberto. A aposta pola memoria oral, pola produción audiovisual en galego e pola creación de recursos para públicos diversos convérteo nun instrumento valioso para centros educativos e entidades feministas.
— Saúde, pracer, república e terra en malva, de Feitoría Verde Sociedade Cooperativa Galega. Recibe 12.500 euros. Proxecto necesario para recuperar e divulgar a figura de Lola Ferreiro como referente feminista. O coñecemento do seu traballo a prol da igualdade constitúe unha ferramenta fundamental para fortalecer unha conciencia feminista. A proposta destaca pola metodoloxía rigorosa e afectiva, pola forte raíz comunitaria e pola capacidade de artellar un proceso colectivo que combina arquivo, coidados e acción política.
— Tecelás da terra. Sementes con memoria e futuro, de Tania Merelas Iglesias. Recibe 12.281,50 euros. Trátase dun proxecto altamente coherente e innovador, vinculado á igualdade de xénero desde un enfoque ecofeminista claro e fundamentado. Combina saberes tradicionais, participación cidadá, cultura e coidados nunha proposta sólida que empodera ás mulleres, fortalece redes comunitarias e introduce novas prácticas educativas e culturais nas bibliotecas públicas.
