Estás en:Novas
ebiblioDaCoruna Club Lector

Alba de groria: Alfonso R. Castelao

Do 4 ao 11 de decembro, compartimos a lectura de Alba de Groria, de Castelao.

Acompáñasnos?

Alba de groria: Alfonso R. Castelao

Nova lectura no club dixital eBiblioDaCoruna‼

Ademais da exposición que engalana a nosa biblioteca, estes meses, a sala de lectura dixital de libros en galego rende homenaxe a Castelao, cunha programación centrada na súa figura e a súa obra,

anota:

Alba de Gloria ou Groria

"É moito mellor evocar algo irreal, algo puramente imaxinario, algo que co seu simbolismo nos deixe ver o pasado para proveito do futuro, como unha boa experiencia"

O texto de Alba de gloria reproduce o do discurso pronunciado por Castelao o 25 de xullo de 1948, texto do que se coñecen diversas variantes, a primeira delas a publicada naquela altura no número 463 de A Nosa Terra. Esta edición recupera a que se ofrece no volume IV das Obras de Castelao (ao coidado de Henrique Monteagudo, Galaxia, 2000) e que se basea tanto nas versións xa publicadas como nos mecanoscritos, ata entón inéditos, custodiados no Museo de Pontevedra.

A intervención da editora limitouse a limpalo de grallas e retocar miúdos pormenores lingüísticos. Non obstante, en coherencia co criterio divulgativo seguido no nome da exposición que este texto acompaña, actualizamos a forma "groria" do título orixinal.

Castelao

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886-Bos Aires 1950) é unha das personalidades máis ricas e fecundas do movemento galeguista. Licenciado en Medicina, abandonou moi cedo a práctica desa profesión para dedicarse ás que eran as súas verdadeiras vocacións: a arte e a reivindicación integral de Galicia.

A súa actividade desenvolveuse na creación literaria, no xornalismo gráfico, na pintura, no teatro e na política. Membro destacado da Xeración Nós e home comprometido, no marco do Partido Galeguista, coa defensa da autonomía para Galicia e coa causa republicana, a súa figura alcanzou co paso do tempo unha dimensión mítica.

Entre as súas obras máis importantes están Cousas, Cousas da vida, Os vellos non deben de namorarse, Os dous de sempre, Sempre en Galiza e Retrincos.

En 2011 a Xunta de Galicia declarou a súa obra Ben de Interese Cultural, e este ano 2025 foi declarado Ano Castelao.