Estás en:Novas

A Deputación da Coruña presenta a marca de produtos agroalimentarios e do mar do Xeoparque Cabo Ortegal

A iniciativa preséntase baixo o nome KB0 Ortegal e forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal para a posta en valor do territorio

O vicepresidente, Xosé Regueira, subliña que a enogastronomía é unha das dimensións centrais do proxecto

A Deputación da Coruña presenta a marca de produtos agroalimentarios e do mar do Xeoparque Cabo Ortegal

A Deputación da Coruña deu a coñecer esta mañá KB0 Ortegal, a nova marca de produtos agroalimentarios e do mar do ámbito do Xeoparque Cabo Ortegal. O acto, celebrado na nave do mercado de Moeche, contou coa presenza do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; a alcaldesa en funcións, Cristina García; o presidente da Asociación para a xestión do Xeoparque Cabo Ortegal e alcalde de Cerdido, Alberto Rey; e o xerente da Asociación, José Miguel Alonso.

O vicepresidente provincial salientou o carácter enogastronómico deste proxecto, financiado con fondos NextGenerationEU. "Non é un proxecto científico nin unicamente turístico", senón unha iniciativa "que lle dá sentido ao que imos facer" porque pon o foco no valor da materia prima e na identidade culinaria do territorio. Regueira explicou que a enogastronomía constitúe unha das dimensións centrais do proxecto e quixo insistir en que ás veces "esquecemos" esa perspectiva ao falar do Xeoparque.

Regueira apoiou esta idea cun dato recente sobre tendencias turísticas. Indicou que, nun momento no que o turismo é un dos sectores que máis medra en Galiza e na provincia da Coruña, as enquisas realizadas entre profesionais do sector "sitúan vir aquí para comer ben como a segunda motivación que destacan as persoas que nos visitan". Unha razón máis, dixo, para reforzar a marca e o seu impacto no posicionamento da comarca.

Selo de calidade acreditada

A presentación da marca KB0 Ortegal encádrase dentro do plan de sostibilidade turística (PSTD) Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, financiado con fondos NextGenerationEU, e nace para reforzar a identidade do territorio e destacar o enorme valor da materia prima e da tradición culinaria da contorna. A marca procura destacar os oficios, prácticas e técnicas que deron forma á gastronomía e aos produtos do Cabo Ortegal ao longo da historia. Ademais do acto de presentación de hoxe, nos vindeiros meses terá lugar a convocatoria e adhesión de empresas interesadas en distribuíren os seus produtos baixo o novo emblema.

Os produtos que formen parte contarán cun selo de calidade acreditada, que certificará non só a excelencia da materia prima senón tamén a produción e a elaboración dos mesmos a través dun modelo sostible en liña cos valores do territorio. Cada produto distinguido con este selo será, polo tanto, unha elección consciente: unha forma de apoiar modelos de produción responsables que integran a innovación e a tradición para garantir a sostibilidade do xeoparque.

Ademais, a marca xoga un papel moi importante na revitalización do tecido económico rural, contribuíndo ao fomento do emprego local e apoiando activamente aos produtores e empresas da zona.