Estás en:Novas

Regueira destaca en Rianxo o compromiso e a profesionalización do tecido empresarial no peche da III Gala do Turismo Barbanza Arousa

O vicepresidente da Deputación da Coruña subliñou o esforzo dun sector que contribúe positivamente ao benestar da poboación local e á dinamización do territorio

Mencionou tamén que os distintivos SICTED supoñen un recoñecemento ao bo traballo que se está a facer

Regueira destaca en Rianxo o compromiso e a profesionalización do tecido empresarial no peche da III Gala do Turismo Barbanza Arousa

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel da Área de Turismo, Xosé Regueira, interveu este serán no peche da III Gala do Turismo Barbanza Arousa, que tivo lugar no auditorio de Rianxo. No seu discurso salientou o compromiso e a profesionalización do tecido empresarial, especialmente relevante no caso das empresas distinguidas no Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) e a súa contribución ao desenvolvemento turístico sustentábel do territorio.

O vicepresidente destacou que para a Deputación é "un orgullo" patrocinar esta iniciativa, que recoñece o esforzo diario dun sector que contribúe ao benestar da poboación local e á dinamización económica do territorio. Sinalou tamén que o tecido empresarial de Barbanza Arousa é "un exemplo de profesionalización, calidade, innovación e responsabilidade", elementos que, ao seu xuízo, explican os distintivos SICTED.

Regueira subliñou a importancia da colaboración entre administracións e empresas, asegurando que "cando a colaboración público-privada é real e as administracións traballamos man a man co tecido empresarial, os resultados saltan á vista". Nesa mesma liña, reiterou que "o turismo non é só unha actividade económica: é a rede de empresas e profesionais que xeran oportunidades, emprego e benestar para quen vive aquí".

O vicepresidente referiuse tamén á estratexia turística impulsada pola Mancomunidade Barbanza Arousa, centrada na autenticidade, na desestacionalización, na sustentabilidade e na cooperación público-privada, e salientou o papel do proxecto "Barbanza Arousa. Viaxe a través dos sabores", financiado igualmente con fondos Next Generation, como exemplo da posta en valor da riqueza produtiva, histórica e gastronómica do territorio.

Sesenta e nove distincións

Durante a gala entregáronse os diplomas SICTED ás 69 entidades distinguidas pertencentes a 18 oficios diferentes, no marco do proxecto "Traslatio Experiencial Ruta Mar de Arousa Río Ulla", financiado con fondos Next Generation EU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.