Estás en:Novas

Natividade González reafirma en Compostela o compromiso da Deputación co talento e coa diversidade artística

A deputada de Cultura participou este xoves na presentación da programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura para o primeiro semestre de 2026

Natividade González destacou tamén o papel de Santiago como "cidade culturalmente activa" e "capital cultural do noso país"

Natividade González reafirma en Compostela o compromiso da Deputación co talento e coa diversidade artística

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou hoxe no Teatro Principal de Santiago na presentación da programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura para o primeiro semestre de 2026. No acto estiveron tamén a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López; e integrantes das compañías e dos espectáculos que fan parte da programación: Xesús Ron e Patricia de Lorenzo, Fran Sieira, Andrea Quintana e Alixa Ladson.

Durante a súa intervención, Natividade González salientou a "colaboración sólida e frutífera co Concello de Santiago" a través do convenio co Auditorio de Galicia, ao que este ano se sumáron máis recursos económicos, "reforzando así a relación entre institucións e facendo posíbel que o público santiagués teña acceso a propostas culturais de primeiro nivel".

A deputada destacou tamén o papel de Santiago como "cidade culturalmente activa" e "capital cultural do noso país". "Aquí, a cultura non só se programa: respírase, habítase e acompaña a vida diaria en cada rúa, en cada espazo e en cada momento", abundou González.

A responsábel de Cultura concluíu reafirmando o compromiso da Deputación "co talento, coa diversidade artística e coa cidadanía, que é quen finalmente lle dá sentido a todo este esforzo colectivo. Seguiremos traballando para que a cultura continúe a ser un espazo de encontro, de liberdade e de creación compartida, capaz de facer de Santiago, e de Galiza, un lugar aínda máis aberto, máis dinámico e máis vivo".