O Xeoparque Cabo Ortegal conta desde hoxe con 22 novos guías especializados no territorio
A Casa da Cultura de Valdoviño acolleu este xoves o acto da entrega dos diplomas que acreditan esta formación
O curso forma parte do PSTD Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal, na actuación correspondente ás melloras na cualificación profesional do sector turístico deste territorio
A Casa da Cultura de Valdoviño acolleu este xoves a entrega de diplomas para os alumnos e alumnas que completaron a formación en guía-intérprete do Xeoparque Cabo Ortegal. O acto contou coa participación da deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos da Deputación da Coruña, Cristina García, e do alcalde do Valdoviño, Alberto González.
O territorio que abrangue o ámbito do Xeoparque conta, a partir de agora, con 22 novos guías formados para difundiren a riqueza patrimonial, tanto natural como cultural, entre os e as turistas. Este tipo de accións son prioritarias porque contribúen á sensibilización da poboación local e á construción dun relato unificado, expúxose durante o acto.
A actuación está encadrada dentro do Plan de sostibilidade turística (PSTD) do Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal, que promove a Deputación da Coruña e conta con financiamento dos Fondos NextGenUE. O seu obxectivo é formar e dar a coñecer as funcións e habilidades necesarias para guiar as persoas visitantes. Deste xeito, contribúese á transformación do modelo turístico tradicional, creando empregos verdes e unha oferta turística diferencial e sustentábel, valores que promove a institución provincial.
A formación tivo unha duración de 120 horas, divididas entre contidos teóricos e prácticas de campo, e a realización dun proxecto final que os alumnos e alumnas expuxeron hoxe. O curso abrangueu materias como xeoturismo e ecoturismo, patrimonio xeolóxico e cultural do xeoparque, técnicas de interpretación do patrimonio e habilidades de guiado, e emprendemento e comercialización turística.
Este proxecto, segundo se explicou, terá continuidade coa convocatoria de futuras edicións para continuar formando profesionais que se encarguen de difundir a riqueza do territorio.
