Estás en:Novas

A Deputación achega máis de 13.000 euros para financiar o Ciclo Mestre Mateo 2025

A deputada de Cultura, Natividade González, e a presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, asinaron hoxe o convenio para que a entidade poida recibir a subvención

A Deputación achega máis de 13.000 euros para financiar o Ciclo Mestre Mateo 2025

A Deputación da Coruña vén de aprobar unha subvención nominativa de 13.170 euros á Asociación Academia Galega do Audiovisual para a cofinanciación do Ciclo Mestre Mateo 2025, un programa consolidado que leva ás pantallas de toda Galiza as longametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo. A achega provincial cobre máis do 70% dun orzamento total de 17.970 euros, o que permitirá á entidade desenvolver unha ampla programación ao longo de 2025.

Hoxe asinouse o convenio de colaboración entre ambas as dúas institucións, asinando por parte da Deputación a deputada de Cultura, Natividade González; mentres que por parte da Academia Galega do Audiovisual a representante foi a súa presidenta, Lucía Veiga.

Este apoio forma parte do compromiso firme da Deputación coa promoción cultural e coa consolidación dun ecosistema creativo robusto no territorio. A cultura, afirma a deputada de Cultura, Natividade González, "non só representa un valor identitario e social, senón tamén un sector produtivo capaz de xerar emprego, atraer público, activar a economía local e fortalecer o sentimento de comunidade. O apoio ao audiovisual galego, un sector en pleno auxe e recoñecido tanto dentro como fóra do país, é unha das liñas estratéxicas deste compromiso".

A Academia Galega do Audiovisual, entidade sen ánimo de lucro creada en 2002 e integrada por profesionais de todas as ramas do sector, vén desenvolvendo un labor fundamental na posta en valor do talento galego. Entre as súas iniciativas máis destacadas atópanse os Premios Mestre Mateo, referencia anual da creación audiovisual, e o Ciclo Mestre Mateo, que achega ao público filmes recentes de alto nivel artístico e técnico.

A edición de 2025 incluirá longametraxes de ficción como As Neves, +Cuñados, Xustiza artificial e Honeymoon, e documentais como Aurora, Filmei paxaros voando, Prefiro condenarme e Salvaxe, salvaxe. O obxectivo é favorecer o acceso da cidadanía a producións galegas de calidade e fortalecer a súa difusión máis aló dos circuítos comerciais habituais.

A través deste impulso, a deputada destacou a vontade do goberno provincial de "acompañar proxectos transformadores que consolidan a cultura como un ben público esencial. O respaldo ao Ciclo Mestre Mateo contribúe a espallar o mellor cinema galego, favorecer a diversidade cultural, fortalecer os sectores creativos e achegar á veciñanza historias feitas desde Galiza e para Galiza".