A Deputación da Coruña achega ‘A paisaxe que sabe’ ao Mercado da Estrela como escaparate do produto e do territorio
O vicepresidente, Xosé Regueira, visitou o espazo da Deputación e destacou o papel da gastronomía como ferramenta de promoción territorial,
A proposta da institución provincial combina demostracións culinarias, proxectos agroalimentarios e oficios artesáns
A Deputación da Coruña participa esta fin de semana no Mercado da Estrela de Santiago de Compostela cunha programación propia integrada baixo a marca 'A paisaxe que sabe'. O evento ten lugar en distintos espazos da cidade, concentrándose a oferta da institución provincial na praza 8 de Marzo e na praciña situada entre o CGAC e o Museo do Pobo Galego, en San Domingos de Bonaval.
O vicepresidente da institución e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, visitou este mediodía o espazo da Deputación, acompañado pola tenenta de alcaldesa de Santiago, María Rozas, e pola concelleira de Festas, Pilar Lueiro.
Durante a visita, Regueira sinalou que 'A paisaxe que sabe' funciona como unha ferramenta para amosar, nun espazo urbano e aberto como o Mercado da Estrela, "a diversidade e a calidade do sector agroalimentario e artesanal" da provincia da Coruña. Indicou que a Deputación aposta por que a gastronomía "sexa tamén un instrumento de promoción do territorio", capaz de conectar produto, paisaxe e saber facer.
O vicepresidente engadiu que a presenza neste evento reforza o compromiso cos proxectos que traballan desde o local, desde a proximidade e desde a identidade propia. Ao respecto, apuntou que, a través dos showcookings e da participación de profesionais da cociña galega, ponse de manifesto "como o produto de proximidade pode transformarse en propostas gastronómicas contemporáneas".
Programación ampla
Os espazos da Deputación poden visitarse das 11 ás 21 horas, tanto o sábado coma o domingo. O autobús acolle demostracións culinarias dos chefs André Arzúa (Espazo Abella), Jorge Gago (A Maceta) e mais Kike Piñeiro e Eloy Cancela (A Horta do Obradoiro).
Pola súa banda, a carpa de 'A paisaxe que sabe' conta tamén cunha ampla representación de proxectos agroalimentarios. As Camposeiras, Os Biosbardos, Vermú Lodeiros, Chichalovers, Galmesán, Cafés Aruba, Martietas de Fío, Galegas de Nata e Galuriña achegan ao público unha mostra diversa de produtos elaborados no territorio, con propostas que abranguen desde queixos e doces até cafés, empanadas, conservas e bebidas artesás.
Xunto á oferta agroalimentaria, a programación inclúe a participación de distintos proxectos artesáns: Rosa Isabel Rodríguez Vidal (Redeiras Artesás), María del Rosario Remo Casal (D Rositas), Ángel Miguel Gómez Bello (Devalo), Jorge Eiroa García (J. Eiroa Forxa), Iria García Pérez (Vacatola), Cecilia Machado (Moira Artesanía), Carlos Afonso Rubio Pita (O Carabel Ecocestos), Susana Anta López (Susana Anta Cerámica), Berta García Calderón (Na Mea Nani) e Sergio Picos Carballeira (Comeluz).
