Estás en:Novas

Luz verde á creación do comité de sostibilidade turística no xeoparque Cabo Ortegal

O seu regulamento interno foi aprobado na recente asamblea da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal

Luz verde á creación do comité de sostibilidade turística no xeoparque Cabo Ortegal

A Asemblea da Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal aprobou o regulamento interno do Comité de Seguimento da Sostibilidade Turística e do Desenvolvemento Local, un acordo que permite activar un novo órgano estábel de gobernanza para o turismo no territorio. A creación deste comité enmárcase no Plan de sostibilidade turística en destino do proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, que ten como obxectivo o deseño e a posta en marcha dun produto turístico especializado no acabado de nomear xeoparque mundial da UNESCO, apostando polo xeoturismo como eixo dunha estratexia de dinamización e desenvolvemento sustentábel.

O PSTD é froito do convenio subscrito entre a Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña, que exerce como órgano executor dun proxecto composto por vinte e seis actuacións estruturadas arredor da transición verde e sostíbel, a eficiencia enerxética, a transición dixital e a mellora da competitividade turística. O plan conta con financiamento da Unión Europea a través do programa NextGenerationEU no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Entre estas actuacións inclúese a implantación do sistema de indicadores turísticos ETIS e do modelo de xestión como 'destino turístico sustentábel', co fin de dotar o xeoparque dun sistema estábel de gobernanza turística e de ferramentas técnicas que permitan mellorar a planificación, a avaliación do impacto da actividade turística e a toma de decisións estratéxicas.

A aprobación do regulamento do comité produciuse nunha reunión en decembro con participación do vicepresidente da Deputación da Coruña, as alcaldesas e alcaldes dos sete concellos integrados no xeoparque, así como o equipo técnico da Asociación para a Xestión do Xeoparque e da consultora Hidria, responsábel da asistencia técnica do proxecto.

Coa creación deste comité estabelécese un órgano permanente de seguimento da sostibilidade turística e do desenvolvemento local, que favorecerá a coordinación entre os distintos axentes do territorio e unha xestión colaborativa do turismo. Tras esta aprobación, o proxecto entra xa na súa fase operativa, coa posta en marcha do sistema de indicadores e o inicio do proceso de implantación do modelo de xestión como destino turístico sustentábel no xeoparque Cabo Ortegal.