A Deputación da Coruña asina en Mazaricos o convenio polo que achegará case 300 000 euros para acondicionar os máis de setenta quilómetros da senda do Xallas
A achega provincial ascende a 294 999,34 euros, o que representa o 80% do investimento previsto
Xosé Regueira destaca a senda do Xallas como un recurso «para a xente local» e como «elemento tractor» para o turismo de natureza
A Deputación da Coruña asinou este luns en Mazaricos un convenio de cooperación co concello para o cofinanciamento do proxecto de acondicionamento da senda do Xallas. O obxectivo é poñer en funcionamento unha ruta paisaxística que discorre en paralelo ao río ao longo de 70,3 quilómetros e de poñer en valor os seus valores naturais, culturais e paisaxísticos. No acto, a institución provincial estivo representada polo seu vicepresidente, Xosé Regueira, quen rubricou o texto canda o alcalde mazaricán, Juan José Blanco, e a CEO de Xeal, María Couto. Tamén estiveron presentes os rexedores de Zas, Manuel Muíño, e de Santa Comba, Alberto Romar.
O acordo, aprobado polo Pleno da Corporación provincial na sesión ordinaria desenvolta o pasado 22 de decembro de 2025, instrumenta unha subvención nominativa destinada a financiar as obras do proxecto, cun orzamento total de 368 749,18 euros. A achega da Deputación da Coruña ascende a 294 999,34 euros, o que representa o 80% do investimento previsto.
A actuación está concibida tanto como un recurso de dinamización turística do rural como un medio para mellorar a mobilidade da veciñanza, ao tempo que promove a concienciación da poboación local e das persoas visitantes sobre a necesidade de protexer a biodiversidade e o patrimonio etnográfico asociado aos cursos fluviais. O deseño da senda procura causar o mínimo impacto ambiental posíbel, afastándose en determinados treitos do leito do río para non perturbar a flora e a fauna existentes e evitando interferir na vida cotiá e no traballo da veciñanza dos lugares polos que transita.
Durante o acto, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destacou que esta iniciativa será complementada polos proxectos previstos para a desembocadura do río —na zona da fervenza do Ézaro e o Monte Pindo— e para as cabeceiras do propio Xallas. «Agora é importante que se materialice completamente esta senda, de algo máis de setenta quilómetros, e dar tamén a coñecer o patrimonio material e inmaterial da zona», sinalou.
Regueira puxo tamén o acento en que a senda do Xallas é un recurso pensado «para a xente local, as veciñas e veciños», mais que ao mesmo tempo actuará como «elemento tractor» para as visitas que chegan á procura de natureza. Nese senso, explicou que «o turista esixente, que procura experiencias únicas, terá ao seu dispor unha senda ao longo de todo o río», aproveitando para iso o percorrido pola «paisaxe singular» que ofrece «o único río de Europa que remata en fervenza».
O vicepresidente referiuse ademais á importancia que teñen os ríos nas actuacións da Deputación da Coruña, citando como exemplo o Plan de sostibilidade turística (PSTD) do río Anllóns, na bisbarra de Bergantiños, así como outras accións vinculadas ao río Lengüelle, xa na comarca de Ordes.
O Concello de Mazaricos actúa como entidade representante dunha iniciativa que comparte con Santa Comba e Zas, de maneira que se encargará de xestionar as actuacións. O alcalde mazaricán amosou a súa satisfacción polo paso dado hoxe respecto dun proxecto «que comezou hai cinco anos» e agradeceu o investimento que realizan tanto a empresa Xeal como a Deputación da Coruña. «Sen a colaboración da empresa, porque o comezo da ruta pasa integramente polos seus terreos, e sen os fondos que achega a Deputación, non sería posíbel», indicou Juan José Blanco.
O rexedor subliñou tamén a capacidade da senda do Xallas como proxecto tractor para a comarca da Costa da Morte e asegurou que se verá beneficiada «toda a contorna».
O convenio terá vixencia até o vindeiro 31 de outubro e forma parte das competencias da Deputación da Coruña en materia de asistencia e cooperación económica e técnica aos concellos, especialmente aos de menor capacidade económica e de xestión, co obxectivo de contribuír á mellora do patrimonio provincial e ao desenvolvemento de proxectos de interese público e social.
