Estás en:Novas

A Deputación converte A Coruña en nova sede oficial do evento anual da Federación Española de Profesionais da Fotografía e a Imaxe

A principal cita estatal da fotografía profesional cambia de localización e desenolverase na Coruña os días 20, 21 e 22 de febreiro de 2026

A Deputación investirá case 58 000 euros para organizar o evento, que prevé reunir 350 profesionais da imaxe e reforzar a proxección exterior da provincia

«É un orgullo traer ao noso país un congreso con décadas de traxectoria e xuntar profesionais que contribuirán a comunicar en positivo a nosa terra», destaca o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira

A Deputación converte A Coruña en nova sede oficial do evento anual da Federación Española de Profesionais da Fotografía e a Imaxe

A Deputación da Coruña formalizou esta semana o convenio de colaboración coa Federación Española de Profesionales da Fotografía e da Imaxe (FEPFI) para trasladar á capital da provincia a sede oficial do evento Calificacións 2026 e da gala de entrega de premios, que se celebrarán na cidade os días 20, 21 e 22 de febreiro.

O vicepresidente da Deputación e responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira, intervirá mañá venres, ás 9 da mañá, no acto inaugural. Destaca que «é un orgullo traer ao noso país un congreso con décadas de traxectoria e que nos últimos anos premiou moitos profesionais galegos e, en particular, da provincia da Coruña».

Ademais, subliñou que «está prevista a participación de 350 profesionais da imaxe que estamos seguros de que levarán un bo recordo e contribuirán a comunicar en positivo a nosa terra, reforzando a súa proxección no exterior».

O acordo, ratificado en nome do goberno provincial polo deputado Xosé Penas, responsábel de Patrimonio e Contratación, responde ao interese estratéxico da institución por apoiar o sector profesional da fotografía e do audiovisual, diversificar a oferta cultural e turística e reforzar a proxección institucional en ámbitos de calidade e excelencia.

A achega provincial ascende a un máximo de 57 737,20 euros, que se materializará mediante a contratación directa por parte da Deputación dos servizos necesarios para o desenvolvemento do evento.

Calificacións 2026

O evento de Calificacións é a principal cita anual da FEPFI e constitúe un sistema profesional de avaliación de obras fotográficas e audiovisuais orientado á formación, ao recoñecemento e á promoción do sector. A súa realización na provincia «encaixa cos obxectivos da área de Turismo en materia de desestacionalización, ao desenvolverse no mes de febreiro, e de impulso ao turismo profesional e de eventos», subliña Xosé Regueira.
O vicepresidente tamén se congratula polo feito de que esta colaboración coa FEPFI vai contribuír a reforzar a mensaxe 'A Paisaxe que sabe', presente na cartelaría oficial do evento.