A Deputación da Coruña promocionará na súa primeira presenza en Navartur un modelo turístico baseado no territorio, a sostibilidade e a identidade
A institución provincial presentará a CMAT, o xeodestino Ulla-Tambre-Mandeo e catro Plans de Sostibilidade Turística en Destino impulsados con fondos europeos
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, afirma que a eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto será «o grande atractivo turístico da provincia este ano, un acontecemento único da vida»
A Deputación da Coruña participará esta fin de semana na vixésima edición de Navartur-Feira Internacional de Turismo Reyno de Navarra, que se celebra no Palacio de Congresos e Auditorio Baluarte. Será a primeira participación da institución provincial nesta feira turística, principal evento comercial para a industria das viaxes no norte do Estado e que reuniu na súa última edición preto de 52.000 visitantes.
Navartur pon o foco en destinos estatais e internacionais, con propostas vinculadas ao turismo activo, a enogastronomía, o turismo sustentábel, cultural e de natureza, o patrimonio, o turismo urbano, de praia, de saúde e o cámping. «Son ámbitos que encaixan co modelo turístico polo que apostamos na provincia da Coruña, baseado no territorio, na sostibilidade e na identidade», explica o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira.
No marco de Navartur, a Deputación presentará a Asociación de Turismo da Costa da Morte (CMAT), o xeodestino Ulla-Tambre-Mandeo e catro dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) que impulsa na provincia: as Fragas do Eume, o Xeoparque Cabo Ortegal, a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle e o Centro Histórico de Ferrol-Patrimonio Militar da Costa Ártabra.
Xosé Regueira, afirma que a eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto será «o grande atractivo turístico da provincia este ano, un acontecemento único da vida». Precisamente, dous dos territorios antes mencionados, a Costa da Morte e As Mariñas coruñesas —estas últimas, incluídas no PSDT do Mandeo— terán especial protagonismo nesta cita astroturística, xa que contan coa distinción de Destinos Starlight pola fundación do mesmo nome.
O vicepresidente da Deputación e responsable das áreas de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, destaca que a presenza en feiras profesionais permite dar continuidade a unha estratexia turística que prioriza o desenvolvemento equilibrado do territorio e a valorización dos seus recursos naturais, culturais e sociais.
Segundo sinala, o obxectivo é consolidar un turismo capaz de xerar actividade económica ao tempo que contribúe á conservación da identidade propia da provincia. «Temos a sorte de vivir nun país que aínda é capaz de ofrecer experiencias auténticas. O visitante esixente aprecia os lugares que conservan os seus valores e non se converten en simples decorados».
Neste contexto, Regueira lembra que a estratexia turística da Deputación aposta por conectar promoción, territorio e sectores produtivos a través de iniciativas como 'A paisaxe que sabe', coa que se vincula gastronomía, produto local e identidade como elementos centrais da experiencia turística. «Falamos dun modelo que non separa o turismo da vida do territorio, senón que o entende como unha ferramenta para reforzar o rural, apoiar as persoas produtoras e ofrecer experiencias xenuínas ligadas á nosa paisaxe e á nosa cultura», conclúe o vicepresidente.
