As axudas de cooperación exterior da Deputación da Coruña melloran a produción agrícola, a alimentación e o emprego xuvenil en Mozambique
A deputada de Emprego, Rosa Ana García, reuniuse cos responsables da escola mozambiqueña na que se están a desenvolver estes proxectos con axuda da Deputación
A aplicación de novas técnicas permitiu incrementar a producción agrícola e a posta en marcha dun módulo de formación profesional en soldadura e metalistería abre novas oportunidades laborais á mocidade
As axudas de cooperación ao desenvolvemento da Deputación da Coruña están a ter un impacto directo e medible na vida de centos de mozos e mozas en Mozambique, mellorando a súa alimentación, ampliando as súas oportunidades laborais e fortalecendo a economía local.
Na Escola Secundária Inácio de Loyola (ESIL), situada en Msaladzi, no distrito de Tsangano (provincia de Tete), os proxectos impulsados pola Fundación Loyola Galicia co apoio da Deputación converteron un centro educativo nun auténtico motor de desenvolvemento comunitario.
Os resultados foron trasladados esta semana á Deputación polo director da ESIL, P. Cesar Augusto João, acompañado de Susana Vázquez, profesora da UDC e coordinadora do proxecto de irmandamento co colexio coruñés Santa María del Mar, nun encontro no que participou a deputada de Emprego e Medio Ambiente, Rosa Ana García. A reunión serviu para poñer cifras e testemuños a un impacto que xa é visible sobre o terreo.
Máis produción agrícola, máis alimentos e máis autosuficiencia
No ámbito agrícola, o proxecto AGROESIL, financiado en 2023 con 6.165,51 euros, supuxo unha transformación profunda da capacidade produtiva na zona A produción de millo incrementouse nun 75%, pasando de 20.000 a 35.000 quilos, duplicouse a colleita de xudías e tomate e o cultivo de repolo multiplicouse por catro. A introdución de novos produtos como batata, mandioca, soia ou cacahuete permitiu diversificar as colleitas e enriquecer a dieta do alumnado.
Nun centro onde se forman preto de 500 estudantes —a metade en réxime de internado—, estes avances tradúcense en máis comida, mellor nutrición e saúde. Parte da produción destínase ao consumo propio e outra parte comercialízase, xerando ingresos que garanten a continuidade do proxecto. Ademais, a formación recibida polo profesorado en Galicia ao abeiro deste programa permitiu implantar técnicas agroecolóxicas sostibles, incluíndo a produción de abonos orgánicos e a mellora do ciclo agrícola.
O impacto foi recoñecido polas autoridades educativas de Mozambique, que sinalaron á ESIL como escola modelo dentro do programa nacional "Unha escola, un campo de produción", consolidando o centro como referente na integración entre educación e desenvolvemento comunitario.
Formación profesional para combater o desemprego xuvenil
A esta transformación agrícola sumouse en 2024 a posta en marcha dun módulo de formación profesional en soldadura e metalistería, apoiado con 3.632,93 euros pola Deputación. Nunha rexión con escasa oferta formativa e elevadas taxas de desemprego xuvenil, esta nova especialidade laboral ofrece competencias técnicas en soldadura eléctrica, caldeiraría e fabricación de estruturas metálicas, ampliando as posibilidades de inserción laboral ou autoemprego do alumnado.
O taller, ademais de mellorar as propias infraestruturas da escola e apoiar a actividade agrícola, abre servizos á comunidade, xerando ingresos e fortalecendo o tecido económico local. Así, a formación non só incrementa as opcións individuais do estudantado, senón que repercute directamente no desenvolvemento da contorna.
Durante o encontro, a deputada Rosa Ana García subliñou que "a solidariedade da provincia da Coruña está a mellorar a vida de moitas persoas arredor do mundo con proxectos como este que, cunha pequena inversión, supoñen grandes cambios estruturais nas vida de toda unha comunidade".
Fundada en 2015 co apoio de organizacións xesuítas e do Ministerio de Educación de Mozambique, a ESIL prioriza a escolarización de mozas sen recursos nunha zona onde o acceso á educación secundaria é moi limitado. As axudas da Deputación da Coruña contribúen a consolidar este modelo educativo como ferramenta de transformación social, reforzando a seguridade alimentaria, creando emprego e ofrecendo novas perspectivas de futuro á mocidade mozambiqueña.
En definitiva, trátase dunha cooperación que vai máis alá do apoio económico puntual: é un investimento en coñecemento, autosuficiencia e oportunidades que está a mellorar de maneira directa as condicións de vida dunha comunidade enteira.
