Regueira: «Volvemos de Navartur coa satisfacción de ver asociado o noso territorio a un turismo de calidade e sostíbel»
A Deputación da Coruña participou do venres ao domingo na feira Navartur, celebrada en Iruña, na súa primeira presenza neste evento turístico do norte do Estado
A gastronomía, o turismo de natureza e o sendeirismo centraron o interese do público que se achegou ao expositor provincial durante as tres xornadas
A Deputación da Coruña pechou cun balance moi positivo a súa primeira participación en Navartur-Feira Internacional de Turismo Reyno de Navarra, celebrada esta fin de semana no Palacio de Congresos e Auditorio Baluarte de Iruña, onde promoveu un modelo turístico baseado no territorio, a sostibilidade e a identidade. O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, amósase «moi satisfeito desta primeira participación no evento», destacando a «altísima densidade de público no noso expositor durante as tres xornadas».
Regueira destacou que a participación en Navartur contribuíu a reforzar a imaxe da provincia vinculada a un turismo de calidade, sustentábel e respectuoso coa natureza e coa identidade do territorio. «Volvemos contentos por isto e porque se vincule o noso territorio cun turismo de calidade, sustentábel, de respecto pola propia natureza e identidade do territorio. Moi satisfeitos de probar Navartur e agardemos que sexa a primeira de moitas ocasións en que esteamos nestas terras promocionando o turismo e o noso territorio», subliñou.
Segundo sinalou, a presenza da Deputación permitiu comprobar «o interese da sociedade navarra en procurar na provincia da Coruña un destino onde pasar as súas vacacións». Durante a feira, gastronomía, turismo de natureza e sendeirismo foron as opcións máis demandadas polas persoas visitantes que se achegaron ao espazo promocional da provincia. «É algo que sempre se asocia ao norte, a Galiza e á provincia da Coruña», explica Regueira, quen enfatiza tamén a intensidade da atención rexistrada no posto provincial.
O vicepresidente tamén agradece a colaboración das entidades e persoas participantes no mostrador, nomeadamente ao alcalde da Laracha, José Manuel López Varela —presidente da CMAT Costa da Morte— e ao equipo que o acompañou, así como ás técnicas do GDR Ulla-Tambre, que contribuíron ao traballo promocional desenvolvido.
Regueira conclúe desexando que, debido a esa intensidade de demanda de información, «proximamente teñamos numerosos visitantes de orixe navarra na provincia da Coruña e, sobre todo, que saian satisfeitos e fidelizados, que repitan».
