Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e o CITIC inauguran no IES Agra do Orzán un programa educativo sobre intelixencia artificial xenerativa nos institutos da provincia

A Deputación da Coruña e o CITIC inauguran no IES Agra do Orzán un programa educativo sobre intelixencia artificial xenerativa nos institutos da provincia

A Deputación da Coruña e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña poñen en marcha un novo programa formativo sobre intelixencia artificial xenerativa dirixido a estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato da provincia.

A deputada de Mocidade e Educación, Yoya Neira, e o subdirector do CITIC da UDC, Javier Pereira Loureiro, inauguraron oficialmente a iniciativa este luns, 23 de febreiro, no IES Agra do Orzán da Coruña, acompañando ao alumnado nas primeiras prácticas coas ferramentas de IA.

O programa, impulsado pola Deputación en colaboración co CITIC, desenvolverase en 20 institutos da provincia e está destinado a alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato. O obxectivo é achegar competencias básicas en intelixencia artificial xenerativa á mocidade, facilitando o coñecemento e o uso de ferramentas como ChatGPT, Gemini ou HuggingChat, ao tempo que se fomenta unha reflexión crítica sobre o seu emprego ético, seguro e responsable.

A iniciativa combina contidos teóricos e prácticas en aula. O alumnado poderá comprender como funcionan os sistemas de IA xenerativa, experimentar coa creación de contidos dixitais —como imaxes, audio ou vídeo— e analizar os retos e oportunidades que estas tecnoloxías presentan nos ámbitos educativo, social e profesional.

Cada centro participante contará con dúas sesións formativas de dúas horas, deseñadas para ofrecer unha aproximación rigorosa pero accesible a unha das tecnoloxías que está a transformar de maneira máis acelerada a sociedade actual.

Durante o acto inaugural, Yoya Neira e Javier Pereira Loureiro explicaron o alcance do programa, os seus obxectivos pedagóxicos e a importancia de dotar á mocidade de ferramentas e criterios para desenvolverse nun entorno dixital cada vez máis complexo.

"Queremos que a mocidade non sexa só usuaria da intelixencia artificial, senón que entenda como funciona, que saiba empregala con criterio e que desenvolva unha mirada crítica ante unha tecnoloxía que xa está a transformar o mundo", sinalou Yoya Neira, que destacou que "formar en competencias dixitais avanzadas é apostar pola igualdade de oportunidades e polo futuro profesional do alumnado da provincia".