Estás en:Novas

A deputada de Cultura participou na presentación do libro 'Personaxes da Galiza medieval IV' no Museo das Peregrinacións

A deputada de Cultura participou na presentación do libro 'Personaxes da Galiza medieval IV' no Museo das Peregrinacións

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou o venres en Santiago na presentación do libro Personaxes da Galiza medieval IV, realizada no Museo das Peregrinacións, nun acto organizado pola Agrupación Cultural O Galo no que interviñeron tamén os autores Francisco Rodríguez, Ricardo Pichel e Suso Vila.

Na súa intervención, a deputada amosou o seu «orgullo de poder estar neste acto, en representación da Área de Cultura da Deputación da Coruña», e subliñou que o compromiso da institución co coñecemento, estudo e difusión do Reino de Galiza «non é unha cuestión puntual nin simbólica: é unha aposta estratéxica e decidida». Neste sentido, avanzou que nos vindeiros meses abrirá as súas portas en Betanzos o primeiro museo dedicado ao Reino de Galiza, «un espazo que por fin converterá en realidade algo que durante moito tempo foi só unha reivindicación».

González lembrou tamén que a Deputación leva anos organizando o certame de proxectos do Reino de Galiza, puxo en marcha un congreso sobre esta temática e apoiou economicamente a musealización do Panteón Real realizada pola Fundación Catedral de Santiago. No caso concreto desta publicación, destacou que o traballo desenvolvido pola Agrupación Cultural O Galo contou co apoio económico da institución provincial para a súa edición e salientou que o libro «vén cubrir unha eiva: a do coñecemento das figuras da nosa historia medieval, contadas desde un contexto e unha visión propia e respectuosa coas fontes».

A deputada defendeu que é labor das institucións «impulsaren e apoiaren todas aquelas iniciativas que procuran darnos a coñecer como sociedade a nosa propia historia» e recoñeceu que, no ámbito dos estudos sobre o Reino de Galiza, «é de xustiza dicir que a sociedade foi moi por diante das institucións e da propia Universidade», salientando o papel de persoas e entidades que contribuíron a romper o silencio ao redor desta etapa histórica.

Así mesmo, puxo en valor a participación de investigadores e investigadoras «de primeiro nivel» nesta obra colectiva, cuxa achega —indicou— proporciona «rigor, solvencia académica e unha mirada profunda sobre o noso pasado», ademais de compromiso coa difusión da historia e co fortalecemento da identidade cultural. «Cando especialistas deste prestixio se suman a un proxecto colectivo coma este, o resultado vai alén dunha publicación académica: convértese nunha verdadeira contribución ao patrimonio cultural de Galiza», afirmou.

O volume céntrase nos séculos nos que a Galiza foi un reino de seu e contou cunha estrutura económico-social protofeudal e feudal. A obra aborda, en particular, o século XV e analiza, a través de diferentes biografías, o papel da clase dirixente galega nun contexto marcado polo conflito político e polo enfrontamento entre un modelo 'atlantista' e outro 'mediterranista' impulsado por Aragón e Castela.