A Deputación fomenta a imaxinación e o optimismo cunha nova edición do concurso ‘#140enpositivo’
A Biblioteca Provincial convocou as bases da XIV edición do concurso, que premia o talento creativo de mocidade e adultos
A Biblioteca Provincial da Deputación abriu recentemente a XIV edición do seu certame anual de microrrelatos e mensaxes motivadoras baixo o lema 'Palabras de amor: #140enpositivo'. Esta iniciativa procura convertese nun espazo de creatividade e entusiasmo, convidando a participar cunha reflexión que impulse o ánimo e a superación diaria.
Pode participar calquera persoa de máis de 14 anos, establecéndose dúas categorías diferenciadas por idades para separar o público adolescente do adulto. O formato esixido mantén a esencia de brevidade característica das redes sociais, permitindo textos cunha extensión máxima de 280 caracteres, incluídos os espazos. Os autores e autoras poden presentar as súas propostas tanto en galego coma en castelán, cun límite de ata tres por participante.
O proceso de inscrición realizarase a través da páxina web da biblioteca (https://dacoruna.gal/biblioteca), onde as persoas interesadas deberán cubrir o formulario habilitado na sección de actividades e concursos. O prazo de admisión permanecerá aberto ata o 28 de marzo.
No referente aos premios, a organización seleccionará un total de seis persoas gañadoras, tres por categoría. Os primeiros premios de cada categoría consistirán nun libro electrónico; quen quede en segundo lugar recibirá unha tarxeta regalo valorada en 75 euros para a compra de material bibliográfico; e os e as terceiras serán galardoadas cun lote completo de produtos promocionais da biblioteca. Ademais deste cadro de honra, a deputación agasallará todas as persoas participantes cun pequeno obsequio institucional que se poderá recoller na propia Biblioteca Provincial.
