Estás en:Novas

A Deputación e o CITIC achegan a intelixencia artificial xenerativa ao alumnado do IES de Fene

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, inaugrou as formacións nas que os alumnos aprenderán o manexo de ferramentas de IA como ChatGPT ou Gemini

A Deputación e o CITIC achegan a intelixencia artificial xenerativa ao alumnado do IES de Fene

A deputada de Emprego da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, e o profesor da UDC Alejandro Romero inauguraron hoxe no IES de Fene unha das xornadas do programa formativo sobre intelixencia artificial xenerativa que a institución provincial está a desenvolver en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña.

A iniciativa, que chegará a 20 institutos da provincia, está dirixida ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato e ten como obxectivo achegar competencias básicas en intelixencia artificial xenerativa, así como fomentar un uso ético, seguro e responsable destas ferramentas.

Durante a sesión, o alumnado participou en prácticas con ferramentas como ChatGPT, Gemini ou HuggingChat, aprendendo a formular instrucións (prompts) eficaces, a xerar textos e imaxes, a resumir información e a analizar contidos de maneira crítica. O programa combina explicacións teóricas cunha parte práctica en aula, permitindo comprender como funcionan estes sistemas e reflexionar sobre os seus límites, riscos e oportunidades.

Rosa Ana García destacou que "a intelixencia artificial xa forma parte da realidade do mercado laboral e das profesións emerxentes, polo que é fundamental que a mocidade adquira competencias para utilizala con criterio e responsabilidade". A deputada subliñou tamén que "desde a Deputación apostamos por anticiparnos aos cambios tecnolóxicos, ofrecendo formación que mellore a empregabilidade e a capacidade de adaptación do noso alumnado".

Cada centro participante contará con dúas sesións formativas de dúas horas, deseñadas para ofrecer unha aproximación rigorosa pero accesible a unha das tecnoloxías que está a transformar de maneira máis acelerada a sociedade actual.