A Deputación reúne no INEF de Bastiagueiro a referentes do deporte para analizar os retos da igualdade
Miriam Ríos, Lino López, Mado González e Alejandra Martín participaron nun encontro para reflexionar sobre visibilidade, oportunidades e acceso das mulleres a postos de responsabilidade no ámbito deportivo
A área de Deportes da Deputación da Coruña celebrou esta tarde no salón de actos do INEF de Bastiagueiro a III Xornada sobre a Brecha de Xénero no Deporte, unha iniciativa enmarcada nas actividades do 8M que reuniu a profesionais do ámbito deportivo para analizar as desigualdades que aínda persisten e compartir reflexións sobre os retos necesarios para avanzar cara a unha práctica deportiva máis igualitaria.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, foi o encargado de abrir a xornada, na que destacou que o deporte é "un dos motores máis potentes da nosa sociedade e un espazo de valores compartidos", pero advertiu de que tamén reflicte desigualdades que aínda persisten. Leira sinalou que, malia aos avances dos últimos anos, "as mulleres deportistas seguen enfrontándose a unha fenda evidente en aspectos como o salarial, a visibilidade, o acceso a postos de dirección ou patrocinios".
Leira destacou a importancia de contar con referentes femininos para as novas xeracións: "É fundamental que as nenas e mozas teñan referentes deportivos femininos nos que mirarse e que lles demostren que poden chegar tan lonxe como se propoñan", sinalou.
O responsable provincial de Deportes subliñou o compromiso da Deputación da Coruña co impulso do deporte feminino e coa igualdade de oportunidades. Neste sentido, destacou o traballo desenvolvido nos últimos dez anos polos gobernos presididos por Valentín González Formoso para avanzar cara a unha igualdade efectiva tamén nas competicións deportivas impulsadas pola institución provincial.
A xornada incluíu un taller formativo impartido pola profesora da Universidade de Vigo e investigadora do CIDEGA Marian Fernández Villarino, titulado "A bioloxía da muller e o adestramento deportivo. O principio de individualización", no que abordou a importancia de adaptar a preparación deportiva ás características fisiolóxicas femininas.
Posteriormente celebrouse unha mesa redonda moderada pola xornalista deportiva Lucía Dávila, na que participaron a árbitra e exxogadora do Depor Abanca Miriam Ríos, o adestrador do BAXI Ferrol Lino López, a psicóloga do deporte e adestradora de atletismo Mado González e a xogadora do Marineda Hockey e fisioterapeuta Alejandra Martín. Durante o debate analizáronse cuestións como a visibilidade do deporte feminino, as condicións profesionais das deportistas ou as maiores dificultades que experimentan as mulleres no acceso a postos de responsabilidade técnica e directiva.
Antonio Leira destacou que o 8 de marzo é unha oportunidade para reflexionar sobre os avances conseguidos, pero tamén para identificar os desafíos que aínda persisten, e subliñou a importancia de seguir traballando de forma conxunta desde as institucións, os clubs, os medios de comunicación e a sociedade para avanzar cara a unha igualdade real no ámbito deportivo.
