Formación da EBIBLIODACORUNA nas bibliotecas e axencias de lectura da provincia
Sesións de formación presenciais da EBIBLIODACORUNA nas bibliotecas municipais dos concellos de menos de 30 mil habitantes
Dende a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña lanzamos as sesións de formación presenciais da EBIBLIODACORUNA nas bibliotecas municipais dos concellos de menos de 30 mil habitantes. Despois do desenvolvemento da I Xornada das Bibliotecas da Provincia da Coruña que se realizou no mes de novembro, e escoitando as demandas dos e das profesionais que atendedes os espazos nos concellos, poñemos un equipo técnico da BPDC á vosa disposición para cubrir esta necesidade formativa. Os obradoiros son de balde para os vosos centros, só teredes que encargarvos da difusión e a inscrición das persoas participantes, así como ter o espazo preparado para a formación o día que se acorde.
De abril a xuño impartiremos obradoiros formativos nas bibliotecas de menos de 30 mil habitantes. Se fose preciso, abriremos unha quenda de setembro a decembro. As sesións terán unha duración de 2 horas como máximo e poden participar ata 15 persoas. Os espazos deben contar con conexión a internet. Están orientadas a persoas maiores de 14 anos, que teñan móbil con conexión a internet e que queiran descubrir unha nova ferramenta gratuita que lles vai acompañar no seu día a día.
A EBIBLIODACORUNA é a plataforma gratuita de préstamo dixital de libros, películas, audiolibros, prensa e outros materiais que a Deputación da Coruña pon ao servizo de todas as persoas lectoras da provincia. Levar a biblioteca contigo, no teu móbil as 24 horas do día e os 365 días do ano. Unha ferramenta de balde, na que podes autoxestionar os teus préstamos, suxerir e mesmo conversar e intercambiar opinións con outras persoas. Recordamos os contidos que imos tratar:
0. Benvida e presentación.
1. Como inscribirse e como acceder.
2. Como navegar pola plataforma e cales son as súas funcionalidades.
3. Posibilidades de lectura (online, offline e mediante descarga DRM).
4. Política de préstamos.
5. Como enviar suxerencias de compra. Mellores prácticas.
6. Como acceder e participar no club de lectura.
7. Próximas convocatorias de clubs de lectura.
Se tedes interese nestes obradoiros, podedes enviar un correo e indicar as datas que mellor se vos axusta a vosa biblioteca, o mes e horario, e porémonos en contacto de novo con vós.
Tedes de prazo ata o día 16 de marzo para manifestar o voso interese nesta formación.
Quedamos á vosa disposición para calquera dúbida en
biblioteca.web@dacoruna.gal ou no 981415 716 (horario de mañá)
