Estás en:Novas

Natividade González reafirma o «compromiso» da Deputación da Coruña co Culturgal

«Culturgal é un exemplo de cooperación entre institucións e sector cultural que contribúe a dinamizar a nosa cultura e a proxectala cara ao futuro», afirma a deputada de Cultura

Natividade González reafirma o «compromiso» da Deputación da Coruña co Culturgal

A Deputación da Coruña acaba de asinar un convenio coa Asociación Culturgal para colaborar no financiamento económico da última edición do evento. A deputada de Cultura, Natividade González, salienta que, con este acto, a institución ratifica o seu «compromiso» coa maior feira cultural do país.

Mediante este convenio, a Deputación da Coruña achegará 48.000 euros para contribuír a sufragar os gastos do Culturgal 2025. Pola institución provincial puxo a súa sinatura Natividade González, mentres que a Asociación Culturgal estivo representada por Víctor López.

Para Natividade González, Culturgal é un «espazo fundamental de encontro entre creadoras, profesionais da cultura e público», sinalou a deputada. Cómpre lembrar que nesta última edición visitaron a feira máis de 16.000 persoas.

Neste sentido, remarcou que para a Deputación «é prioritario apoiar iniciativas que fomenten a creación, a difusión cultural e o acceso da cidadanía á cultura». «Culturgal é un exemplo de cooperación entre institucións e sector cultural que contribúe a dinamizar a nosa cultura e a proxectala cara ao futuro», afirma Natividade González.

«Este convenio permite seguir fortalecendo un proxecto colectivo que visibiliza a diversidade e a riqueza da cultura galega, ao tempo que impulsa a industria cultural e creativa do noso país», conclúe a deputada de Cultura.