Estás en:Novas

Natividade González vincula a MICE coa «nosa identidade e a nosa memoria colectiva»

A deputada de Cultura destacou o compromiso da Deputación co apoio aos festivais audiovisuais

A sesión inaugural incluíu a proxección de Redeiras, creación de Acacia Ojea en colaboración con Arancha Brandón, centrada no oficio das redeiras da Guarda

Natividade González vincula a MICE coa «nosa identidade e a nosa memoria colectiva»

Intervención de Natividade González / Fotos: MICE 2026 - Javier González

Natividade González participou na inauguración da XXI Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou o martes na inauguración da XXI edición da MICE – Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, que se desenvolve do 10 ao 15 de marzo en distintos espazos de Santiago de Compostela e conta co patrocinio da institución provincial.

No acto inagural, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, interviñeron a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; a concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Míriam Louzao Fernández; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; e Fran Rodríguez Casal e Coral Piñeiro, responsábeis da dirección da MICE.

Durante a súa intervención, Natividade González destacou o valor da Mostra como «un punto de encontro para todas aquelas persoas que apostan polo cinema como ferramenta para documentar, preservar e difundir a nosa identidade e a nosa memoria colectiva». A deputada agradeceu tamén o traballo do equipo organizador e subliñou que a MICE se consolidou como «un referente no ámbito do cinema etnográfico, tanto en Galiza como fóra das nosas fronteiras».

A responsábel provincial salientou o compromiso da Deputación co apoio aos festivais audiovisuais, que cualificou como espazos fundamentais para a difusión do patrimonio cultural e para a promoción do talento creativo galego. Neste sentido, apuntou que o cinema etnográfico «lle dá voz ás historias que, doutro xeito, poderían quedar esquecidas, e pon en valor as persoas, os territorios e as formas de vida que conforman o noso mundo».

A sesión inaugural incluíu a proxección de Redeiras, creación de Acacia Ojea en colaboración con Arancha Brandón centrada no oficio das redeiras da Guarda, así como unha proxección sorpresa.

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico está promovida polo Museo do Pobo Galego e nesta edición abre unha nova etapa organizativa e visual baixo a coordinación do colectivo Memoria e Cinema. Durante seis días, o festival desenvolverá a súa programación en varios espazos da cidade, entre eles o propio Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal, Numax, o CGAC e a Fundación Eugenio Granell.