A Deputación homenaxeará o grupo teatral Tespis o vindeiro 23 de marzo cunha gala no Teatro Colón
A deputada de Cultura, Natividade González, destacou que Tespis foi «un nome fundamental da nosa historia escénica»
A actividade de Tespis desenvolveuse nun contexto marcado pola militancia cultural e pola resistencia fronte á censura da ditadura
A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González Rodríguez, presentou esta mañá no Teatro Colón os detalles da gala institucional de homenaxe á compañía teatral Tespis, un acto co que a institución provincial busca recoñecer a traxectoria e a achega deste grupo á renovación das artes escénicas en Galiza. Canda ela interveu tamén o investigador Francisco Oti Ríos, responsábel da dirección artística da homenaxe e autor do libro Tespis e o contexto teatral coruñés.
Natividade González destacou o papel de Tespis na historia cultural do país e subliñou a vontade da Área de Cultura de render unha homenaxe pública ao seu legado. «A Deputación da Coruña quere presentar hoxe unha homenaxe moi especial a un nome fundamental da nosa historia escénica: o grupo Tespis, referente da creación teatral en Galiza durante décadas», afirmou, ao tempo que explicou que este acto nace coa vontade de «recoñecer publicamente unha traxectoria pioneira, comprometida e profundamente valiosa para a cultura galega».
A deputada salientou tamén que Tespis foi moito máis ca unha compañía teatral, ao converterse nun espazo de creación e encontro que acompañou os cambios sociais do seu tempo. «Tespis non foi só un colectivo teatral: foi unha sementeira de ideas, de encontros e de experiencias compartidas», apuntou, destacando que a través das súas montaxes «abriu portas a novos discursos» e contribuíu a facer do teatro «un espazo de liberdade, un espello onde mirarnos como comunidade e unha ferramenta para imaxinar futuros posíbeis».
Francisco Oti amosou a súa satisfacción porque a homenaxe se poida facer no Teatro Colón e puxo en valor a cultura teatral na Coruña, cidade que foi capaz de alumear un grupo de longa traxectoria como foi Tespis, «que contou sempre co apoio do público», apuntou.
Así mesmo, enfatizou o valor da compañía por desafiar e mesmo bular a censura e programar pezas comprometidas, tamén en galego, e mesmo así consolidar un proxecto que perdurou no tempo. Canto á homenaxe a esta compañía, avanzou que, entre outras, participarán preto de corenta persoas vinculadas a Tespis que aínda hoxe están en activo, moitos deles «nomes amplamente coñecidos», explicou.
Gala o vindeiro 23 de marzo
A gala de homenaxe terá lugar o 23 de marzo de 2026, ás 20:00 horas, no Teatro Colón da Coruña. O evento combinará intervencións institucionais e do sector teatral con proxeccións audiovisuais e música en directo nunha posta en escena creada especificamente para a ocasión. Tamén se lerá un manifesto con motivo do Día do Teatro, que se conmemora o día 27.
A deputada explicou ademais que a iniciativa pretende ir alén propia gala, promovendo accións para preservar e difundir a memoria da compañía. «Esta homenaxe está pensada tamén como unha acción participativa e viva», indicou, referíndose á campaña de recuperación e dixitalización de materiais históricos sobre Tespis, coa que se pretende implicar a profesionais do sector, entidades culturais e público interesado na preservación desta memoria teatral.
O destacado papel de Tespis na evolución do teatro galego
O grupo Tespis, creado por José Redondo Santos, foi un referente cultural entre 1965 e 1984 e desempeñou un papel destacado na evolución do teatro galego contemporáneo e incluso chegou a ser considerada a compañía oficial da Deputación da Coruña.
A súa actividade desenvolveuse nun contexto marcado pola militancia cultural e pola resistencia fronte á censura da ditadura. Cara a 1974 Tespis reivindicou un teatro en galego, converténdose nunha das primeiras compañías que defenderon o idioma sobre os escenarios. Compaxinaron esta decisión cunha selección arriscada de textos, unha elección de propostas artísticas de vangarda que incluían autores deostados ou no exilio.
Ademais, Tespis funcionou como escola de teatro, transmitindo aos novos membros a idea do teatro como un esforzo colectivo. Na compañía participaron artistas que posteriormente terían unha presenza relevante no panorama escénico galego, como Manuel Lourenzo, Francisco Pillado, Víctor L. Mosqueira ou María Pujalte.
