Regueira destaca en Cabana de Bergantiños o potencial do astroturismo para xerar oportunidades económicas e estruturación turística no territorio
O vicepresidente da Deputación da Coruña clausurou no Dolmen de Dombate a presentación do Manual de Miradoiros Starlight, impulsado pola Asociación de Astroturismo da Costa da Morte
«Temos que xerar e estruturar negocio arredor disto», afirmou Regueira canto ao desenvolvemento do astroturismo na provincia
O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou esta mañá en Cabana de Bergantiños na presentación do Manual de Miradoiros Starlight, elaborado pola Asociación de Astroturismo da Costa da Morte. O acto, que tivo lugar no Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate, contou como anfitrión co alcalde, José Muíño.
Tras unhas palabras do rexedor, interveu Ada González, membro da directiva da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte. Segundo explicou, este manual é un documento de consulta sobre o astroturismo e, en particular, sobre os miradoiros astronómicos.
A publicación aborda as características que deben reunir estes espazos para a observación do ceo nocturno e inclúe recomendacións sobre a sinalización que se aconsella empregar para garantir a uniformidade dos miradoiros.
Na súa quenda, Regueira subliñou que o turismo debe entenderse tamén como unha actividade económica que xera oportunidades no territorio e que require dunha estrutura profesional e empresarial ao seu redorl. O vicepresidente da Deputación explicou que o obxectivo das políticas turísticas da institución é contribuír a consolidar esa estrutura e favorecer que o retorno económico quede nas comarcas que reciben visitantes.
«Cando falamos de turismo falamos de negocio. Nós estamos tamén para darlles servizo ás persoas que viven do turismo: hostalaría, hoteleiros, persoal técnico...», afirmou.
Regueira destacou tamén o potencial do astroturismo como un subsector con capacidade para xerar actividade económica no territorio. Neste sentido, lembrou que a Deputación está a impulsar iniciativas de formación, como a capacitación de guías Starlight, co obxectivo de estruturar unha oferta turística ao redor da observación do ceo nocturno. «O turismo implica negocio e retorno económico no territorio e, sobre todo, oportunidades polo territorio», sinalou.
Durante a súa intervención, o vicepresidente incidiu tamén na importancia de que o selo Starlight se traduza en iniciativas concretas que melloren tanto a experiencia turística como a protección do ceo nocturno. Ao respecto, puxo en valor o traballo da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte e destacou a súa contribución á planificación das políticas públicas neste ámbito.
Segundo explicou, a participación da entidade en FITUR —acompañando a Deputación da Coruña— e as reflexións expostas polo colectivo levaron Área de Turismo provincial a reorientar a súa estratexia con motivo da eclipse total de sol prevista para o 12 de agosto. A institución provincial decidiu priorizar accións de sensibilización e seguridade no territorio ante a previsión de grande afluencia de persoas visitantes.
