Estás en:Novas

A Deputación lembra que o 25 de marzo remata o prazo para participar no certame Quero Cantar 2026

O certame está dirixido a solistas e grupos que presenten unha canción en galego, con letra e música orixinais e inéditas

Os premios inclúen a gravación profesional do proxecto e unha dotación económica que vai 500 aos 1.500 euros

A Deputación lembra que o 25 de marzo remata o prazo para participar no certame Quero Cantar 2026

A Deputación da Coruña lembra que o vindeiro 25 de marzo, ás 14:00 horas, remata o prazo de presentación de solicitudes para participar na novena edición do Premio 'Quero Cantar' de música infantil e xuvenil 2026, unha iniciativa coa que a institución provincial promove o uso da lingua galega e impulsa a creatividade poética e musical entre a infancia e a mocidade da provincia.

O certame está dirixido a solistas e grupos que presenten unha canción en galego, con letra e música orixinais e inéditas, e establece dúas categorías en función da idade: infantil, até 12 anos, e xuvenil, de 13 a 16 anos.

As propostas deben presentarse a través da plataforma SUBTEL até o vindeiro 25 de marzo ás 14:00 horas.

O Premio 'Quero Cantar' inclúe, para as propostas gañadoras, a gravación profesional das cancións e videoclips, así como dotacións en material musical, servizos musicais ou produtos culturais en galego. Os primeiros premios en ambas categorías están dotados con 1.500 euros, mentres que os segundos reciben 1.000 euros e os terceiros, 500 euros. No caso da categoría xuvenil, o primeiro premio inclúe ademais a participación nun programa formativo específico orientado ao desenvolvemento artístico.

Na pasada edición, correspondente ao VIII Concurso, na categoría infantil o primeiro premio foi para Gael Ares, o segundo para Libres e o terceiro para The Escarabots. Na categoría xuvenil, o primeiro premio recaeu en Emma & Candela, o segundo en Interestelares e o terceiro en WildFire.

As cancións presentadas serán avaliadas nunha primeira fase por un xurado especializado, do que sairán as propostas finalistas que participarán posteriormente nunha gala final no Teatro Colón da Coruña, onde deberán interpretar os seus temas en directo.

Con esta convocatoria, a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso coa promoción da música en galego e co apoio ao talento musical emerxente, ofrecendo á rapazada unha plataforma para crear, compartir e visibilizar as súas propostas artísticas.

Máis información no BOP do 9 de decembro do 2025.