Achegándonos aos mamíferos e tartarugas mariñas de Galicia
Esta actividade impartirase en 10 centros de atención a persoas con diversidade funcional de Ortigueira, Narón, Ferrol, Cambre, Oleiros, Cabana de Bergantiños, Santiago, Rois, Muros e Boiro.
Empregaranse medios audiovisuais e diverso material biolóxico como dentes de cetáceos, cranios, cunchas de tartarugas mariñas, barbas filtrantes de baleas... co obxecto de estimular os sentidos das persoas participantes.
Esta actividade está deseñada especialmente para usuarios/as de centros de atención a persoas con diversidade funcional, co obxecto de achegar o fascinante mundo mariño dun xeito accesible, participativo e enriquecedor.
Ao longo da sesión, as persoas participantes poderán coñecer de preto os mamíferos mariños que habitan, ou pasan, polas costas galegas, como golfiños, toniñas, baleas ou lobos mariños, así como as tartarugas mariñas que visitan as nosas augas.
Os contidos que aprenderán os/as participantes son:
- Que son os mamíferos e as tartarugas mariñas.
- Como é a súa anatomía, fisioloxía e vida.
- Que especies están presentes en Galicia.
- Cales son os seus problemas e ameazas.
- Que podemos facer cada un de nós para a súa mellora.
A actividade combina explicacións sinxelas con experiencias sensoriais como gravacións acústicas e interacción directa con restos biolóxicos como dentes de candorca, cachalote, barbas filtrantes de baleas, diversos cranios, cunchas de tartarugas mariñas... que fomentarán a curiosidade, a aprendizaxe e o goce compartido. Ademais, pretende sensibilizar sobre a importancia da conservación dos ecosistemas mariños e o papel que todas as persoas podemos desempeñar no seu coidado.
Unha proposta inclusiva que convida a descubrir, sentir e conectar coa riqueza natural do noso litoral.

