A Deputación da Coruña convoca 60 bolsas para que a mocidade dos concellos máis pequenos poida estudar inglés en Irlanda este verán
O programa, dirixido a alumnado de 1.º de Bacharelato, financia o 100% da estadía de catro semanas, incluíndo viaxes, aloxamento, formación, seguro e actividades, sen custo para as familias
A selección de participantes realizarase en función das notas do alumno ou alumna e da situación económica das familias. "O que máis imos puntuar son as familias con ingresos máis baixos", explica Formoso
O prazo de solicitudes estará aberto do 9 ao 23 de abril na plataforma SUBTel da Deputación
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, presentaron esta mañá o novo programa da Deputación da Coruña para que a mocidade da provincia poida aprender inglés no estranxeiro. Trátase da convocatoria de 60 bolsas para perfeccionar durante un mes o estudo de inglés en Irlanda, dirixida ao alumnado de 1.º de Bacharelato da provincia e especialmente pensada para lle facilitar o acceso a este tipo de experiencias á mocidade dos concellos máis pequenos e ás familias con menos recursos económicos.
Durante a presentación, Valentín González Formoso salientou que esta é unha iniciativa que reforza o compromiso da Deputación coa igualdade de oportunidades e coa formación da nosa mocidade, abrindo portas a experiencias que poden marcar o seu futuro académico e profesional, e engadiu que "estes programas eran ata agora unha oportunidade case exclusiva das grandes cidades, e o noso obxectivo é que tamén poidan aprender inglés en Irlanda as mozas e mozos que vivan nunha pequena vila ou no rural. Pretendemos que teña as mesmas oportunidades unha rapaza que nace no Ensanche de Santiago que un que nace no porto do Barqueiro", resumiu.
O presidente explicou que a selección de participantes realizarase en función das notas da alumna ou alumno e da situación económica das familias. "O que máis imos puntuar son as familias con ingresos máis baixos. Quen hoxe pode financiar cos recursos familiares unha estancia así xa o fai, pero o valor deste programa é precisamente darlle a oportunidade a quen quere, que vale, pero que non pode por unha cuestión económica. Aí é onde queremos facer fincapé".
Pola súa banda, Yoya Neira explicou que "con este programa queremos garantir que todos os mozos e mozas da provincia teñan as mesmas oportunidades de acceder a unha experiencia internacional, independentemente do lugar no que vivan ou da situación económica das súas familias". A deputada subliñou tamén que "a iniciativa pretende mellorar o nivel de inglés, abrir novos horizontes, fomentar a autonomía e contribuír ao desenvolvemento persoal da nosa mocidade".
O programa permitiralles ás persoas beneficiarias realizar unha estadía de catro semanas en Irlanda durante os meses de xullo ou agosto de 2026, cunha experiencia de inmersión lingüística completa que combina formación académica e convivencia internacional.
As bolsas da Deputación da Coruña cobren o 100% dos custos do programa, cun valor estimado máximo de 6.450,84 euros por persoa, polo que as familias non terán que asumir ningún tipo de gasto. Inclúen todos os transportes, tanto a viaxe de ida e volta desde A Coruña como os desprazamentos no país de destino, así como o aloxamento en residencia de estudantes en réxime de pensión completa.
O alumnado participante recibirá un curso intensivo de inglés cun mínimo de 15 horas semanais durante un mes, que se completará cun curso preparatorio en liña de 10 horas antes da saída, orientado a facilitar a adaptación á experiencia internacional.
Ademais da formación académica, o programa inclúe un completo calendario de actividades deportivas e culturais, así como visitas semanais a monumentos e lugares de interese histórico-artístico, co obxectivo de favorecer unha inmersión real na cultura do país.
Durante toda a estadía, o alumnado contará con acompañamento de monitorado e persoal especializado, así como cun sistema de titorización e seguimento continuo, que permitirá garantir tanto o aproveitamento académico como o benestar persoal das persoas participantes. O programa inclúe tamén un seguro de accidentes e responsabilidade civil.
Poderá optar a estas bolsas o alumnado de 1.º de Bacharelato escolarizado en centros sostidos con fondos públicos da provincia da Coruña, sempre que cumpra cos requisitos establecidos na convocatoria, entre os que se inclúen non ter materias suspensas en 4.º da ESO e ter unha nota mínima de 6 na materia de Inglés.
Non poderá optar a esta convocatoria o estudantado residente nos concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, co obxectivo de priorizar o acceso a esta oportunidade ao alumnado dos municipios que non contan con programas semellantes ou teñen máis dificultades para poder implementalos.
A selección das persoas beneficiarias realizarase mediante un sistema de concorrencia competitiva que terá en conta tanto o expediente académico do alumno ou alumna como a situación económica e sociofamiliar das familias, reforzando así o compromiso da Deputación coa igualdade de oportunidades.
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ás 8:00 horas do xoves 9 de abril de 2026 e finalizará ás 14:00 horas do xoves 23 de abril de 2026. Tanto as solicitudes como o resto da tramitación do programa realizaranse exclusivamente por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación da Coruña.
As bases completas do programa poden consultarse aquí:
https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2026/01/16/2026_0000000189.pdf
As solicitudes poden tramitarse aquí:
https://sede.dacoruna.gal/subtel/acceso/login
