Estás en:Novas

Natividade González destaca o papel do RESIS 2026 na proxección da música contemporánea desde A Coruña

A deputada de Cultura subliñou que este festival combina a música de vangarda con outras linguaxes artísticas

«RESIS soubo medrar mantendo unha identidade propia: arriscada, aberta e profundamente contemporánea», explicou Natividade González

Natividade González destaca o papel do RESIS 2026 na proxección da música contemporánea desde A Coruña

A deputada de Cultura, Natividade González, participou esta mañá no Pazo de María Pita na rolda de prensa de presentación do Festival Internacional de Música Contemporánea RESIS 2026, na que se deu a coñecer a programación da súa novena edición. Durante a súa intervención, puxo en valor o papel do festival como referente cultural, destacando que «converte A Coruña nun espazo de referencia para a creación contemporánea» e que «non é só un festival, é unha experiencia», ao combinar a música de vangarda con outras linguaxes artísticas e co propio espazo urbano, «xerando propostas únicas que interpelan ao público dun xeito directo e innovador».

Nesta novena edición, RESIS conta coa presenza de artistas internacionais e prestixiosos grupos. A programación inclúe nove concertos, con doce estreas absolutas, que se desenvolverán entre o 23 de abril e o 30 de maio en diferentes espazos da cidade da Coruña, aos que se suman dúas citas en Santiago de Compostela e unha programación expandida que chegará tamén a Madrid e Roma.

A edición deste ano rende homenaxe ao compositor estadounidense Morton Feldman (1926-1987) no centenario do seu nacemento, unha figura clave da música do século XX vinculada á escola experimental de Nova York. A súa obra Rothko Chapel protagonizará o concerto inaugural, mentres que o de clausura acollerá a estrea de Entre Feldman, unha creación de Niño de Elche e Héctor Cavallaro.

Estratexia provincial de apoio ao tecido cultural

Natividade González salientou tamén a traxectoria do certame desde a súa creación en 2018, indicando que «soubo medrar mantendo unha identidade propia: arriscada, aberta e profundamente contemporánea», e incidiu na súa capacidade para «apostar polo talento, pola experimentación e tamén pola capacidade da cultura para transformar a maneira na que habitamos os espazos».

Neste sentido, encadrou o apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña ao RESIS dentro da estratexia para fortalecer o tecido cultural, explicando que a institución promove tanto festivais consolidados como proxectos emerxentes, co obxectivo de garantir unha programación diversa, de calidade e distribuída ao longo de toda a provincia.
Así mesmo, remarcou a responsabilidade das administracións públicas para facer posíbeis este tipo de iniciativas, que pola súa natureza innovadora «dificilmente poderían desenvolverse sen o apoio institucional», polo que contribuír a que se consoliden «non é só unha oportunidade, senón tamén unha obriga».

Finalmente, animou a cidadanía a participar nesta nova edición do festival, convidando a deixarse «sorprender e a vivir a cidade desde outra perspectiva».