Estás en:Novas

Natividade González subliña a importancia dos Premios María Casares como «celebración do talento e da diversidade do teatro galego contemporáneo»

A deputada de Cultura, Natividade González, e a deputada Avia Veira asistiron á entrega dos galardóns no Teatro Rosalía de Castro da Coruña

Natividade González subliña a importancia dos Premios María Casares como «celebración do talento e da diversidade do teatro galego contemporáneo»

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, xunto coa deputada Avia Veira, participou o mércores na gala de entrega dos XXX Premios de Teatro María Casares, celebrada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a gran cita anual das artes escénicas galegas. González destacou que os Premios María Casares son «o referente máis importante do recoñecemento das artes escénicas en Galiza» e subliñou o compromiso da Deputación co sector cultural galego.

Ao respecto, a responsábel da área cultural da Deputación subliñou a importancia que ten esta trixésima edición dos galardóns como «celebración do talento e da diversidade do teatro galego contemporáneo».
A gala, dirixida por Gloria Rico, tivo como fío condutor a figura de Manuel Lourenzo. A deputada de Cultura lembrouno como «figura imprescindíbel» do teatro galego, verbas semellantes ás que usara poucos días antes co gallo da homenaxe ao grupo Tespis, no que o actor e dramaturgo dera os primeiros pasos.

Palmarés da trixésima edición

A edición deste ano estivo marcada polo éxito da montaxe Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, que se converteu na gran gañadora da noite ao acadar seis galardóns, entre eles o de mellor espectáculo, dirección e texto orixinal. A peza completou o seu palmarés con recoñecementos ao espazo sonoro e ás interpretacións secundarias.

O palmarés estivo tamén repartido entre outras propostas destacadas da temporada. A serie clopen, do Centro Dramático Galego, e TROMSØ, de Morraoconto, acadaron cadanseu dobrete, mentres que Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú, foi recoñecida como mellor espectáculo infantil e pola súa adaptación. Pola súa banda, Fran Lareu foi distinguido como mellor actor protagonista por Un tal Romeo, sumando tamén o premio ao mellor actor secundario polo seu papel en Reconversión.

Durante o acto, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) entregou o Premio de Honra Marisa Soto á actriz Luma Gómez, en recoñecemento á súa traxectoria e compromiso coas artes escénicas galegas.
Os Premios de Teatro María Casares, organizados pola AAAG e coa colaboración da Deputación da Coruña, constitúen o principal recoñecemento do sector teatral en Galicia e poñen en valor cada ano o talento e a creatividade das artes escénicas galegas.