Estás en:Novas

O concurso ‘Quero Cantar’ 2026 escolle grupo gañador na Gala do Teatro Colón o domingo 12 de abril


• Con entrada de balde ata completar aforo (reservas vía www.ataquilla.com), a gala final do certame organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña, celebrarase o domingo 12 de abril, ás 18:00 horas.

• Na modalidade infantil resultaron finalistas O Mar dos Sentimentos, do CEIP de Caión (A Laracha); Tentáculo Rock, de Ames e Libres, do CEIP Irmáns Villar (Ourense).

• Na modalidade xuvenil son finalistas Son da Lúa, de Cangas do Morrazo; Tha Filez, de Santiago de Compostela e Noxem, de Vigo.

O concurso ‘Quero Cantar’ 2026 escolle grupo gañador na Gala do Teatro Colón o domingo 12 de abril


A promoción e difusión do uso da lingua galega e o fomento da creatividade poética e musical, no eido infantil e xuvenil, son obxectivos cada ano do Concurso "Quero Cantar" da Deputación da Coruña. Anualmente, coa primavera esta iniciativa fai abrollar sobre as táboas do Teatro Colón unha selección da mellor canteira musical galega en dúas categorías, infantil (ata 12 anos) e xuvenil (13 a 16 anos).

A poucos días da cita no escenario, o Teatro Colón vai camiño do cheo, con gran parte do aforo xa reservado: a asistencia a esta gala final é de balde, mais previa retirada de convite na web do Teatro Colón (a través da plataforma www.ataquilla.com).

Coa actual son xa nove edicións dun certame consolidado que asiste á maioría de idade e ás carreiras musicais de moitos dos seus participantes nas primeiras convocatorias, tendo pasado algúns de volta polo escenario do Colón como artistas convidados. O grupo convidado nesta ocasión é Emma & Candela, gañadoras da edición 2025 na categoría xuvenil. Trátase dun dúo formado por Emma Pérez e Candela Caamaño, alumnas da Escola Municipal de Música de Ames, que compuxeron a súa propia canción dentro das clases colectivas baixo o lema "Escribe as túas propias cancións". Desde o primeiro momento, amosaron unha gran paixón pola música e unha motivación excepcional para crear algo propio. A peza, coa que resultaron vencedoras, 'Preto de ti', reflicte a súa visión artística e evolución musical.

A complexa elección dos seis finalistas que este próximo domingo compiten polo premio correspondeulle a un xurado profesional integrado pola cantante e compositora MJ Pérez, Premio Martín Códax da Música Galega en 2021 na categoría de Canción de Autor e con recente novo disco publicado, 'Je tiens bon'; ás cantantes e docentes Carmen Rey e Ángeles Dorrío, con ampla traxectoria as dúas nos eidos do jazz, soul, R&B e funk; a Pakolas, toda unha referencia na música destinada á cativada e gañador do XIV Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña, e ao músico e docente Fran Barcia, tamén compoñente na actualidade da banda de Budiño.

A quenda da decisión para a final do domingo trasládase agora a un xurado infantil e xuvenil, formado por alumnado con coñecementos musicais das mesmas idades que os participantes.

O evento será conducido pola actriz e contadora Soledad Felloza.

Finalistas na categoría infantil

Na modalidade infantil resultaron finalistas os grupos O Mar dos Sentimentos, do CEIP de Caión (A Laracha); Tentáculo Rock, de Ames; e Libres, do CEIP Irmáns Villar (Ourense).

O Mar dos Sentimentos (CEIP de Caión)
Canción: Nada pode pararme
Co alento do músico e docente Jose Carballido, esta escola demostrou ser unha vizosa canteira para o certame e ata case medio cento de nenos e nenas participaron no casting previo do colexio para integrar o grupo, que finalmente conta com once integrantes. A canción compúxose especialmente para o proxecto de educación emocional que desenvolve o centro educativo e na súa mensaxe, "quere animar ao alumnado a reflexionar sobre as emocións, a confianza nun mesmo e a importancia de non renderse ante as dificultades".

Tentáculo Rock (Ames)
Canción: Vou a cento vinte
Foi na altura de 2017 e na escola unitaria A Igrexa de Ortoño, en Ames, cando se coñeceron tres dos catro integrantes do grupo: Carlos Nieto (voz, batería e piano), Leo Figueiras (guitarra) e Lois García (baixo). Como "TríoR" explotaron as súas temperás inquedanzas artísticas sorprendendo o público en canta celebración escolar puideron participar. En 2025 o proxecto transfórmase coa entrada na banda de Martiño Ramos (voz e batería), virando a Tentáculo Rock. No medio da súa formación en diversas disciplinas, atopan tempo para, cada xoves pola tarde, ensaiar e idear novas composicións orixinais.

Libres (CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense)
Canción: Quero brillar coma ti
Libres xa conseguira acceder á final na edición anterior. É un grupo formado por alumnado de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense, que se xuntan na aula de música do profesor Anxo Fernández. Nesta ocasión traen a peza "Quero brillar coma ti", na que a lingua galega convértese "nunha persoa á que botas de menos, como alguén importante que non ves tanto como che gustaría". A través desta idea, o grupo quere transmitir cariño, alegría e tamén un pequeno toque de esperanza: a de volver atoparse, coidar e facer brillar o noso idioma.

Finalistas na categoría xuvenil
Na modalidade xuvenil resultaron finalistas os grupos Son da Lúa, de Cangas do Morrazo; Tha Filez, de Santiago de Compostela e Noxem, de Vigo.

Son da Lúa (Cangas de Morrazo)
Canción: O meu mozo virtual
O grupo nace en 2025, no contexto do conservatorio de Cangas de Morrazo, onde un grupo de alumnos de 3º de Profesional: Paula Costa, Hugo Rial, Laura Alfonso e Martín Jaramillo. Como este último xa participara anteriormente no certame, xorde a idea de compoñer unha peza para esta edición. Ao longo do curso van pulindo o tema, e no segundo trimestre afondan na parte máis instrumental, sempre en equipo e en estreita colaboración.

Tha Filez (Santiago de Compostela)
Canción: Rebelión
Comezaron tocando versións de clásicos e agora afondan na composición propia. Cualifican a peza proposta como grunge rock reinvindicativo "no que mostramos un anaco da actualidade que nos está tocando vivir". "Falamos sobre o odio que moita xente usa constantemente como resposta a todo, sobre a falta de coñecemento histórico e xeral, sobre a aprobación dos medios cara a reximes xenocidas e xenófobos que están completamente en contra dos dereitos humanos... Nela, reclamamos un mundo con igualdade de condicións e dereitos, sexas migrante, muller, home, gai, musulmán, católico ou o que queira que sexas.".

Noxem (Vigo)
Canción: Esperta
Daquela co nome de Wildfire, foron xa finalistas na edición anterior. O grupo está formado por catro rapazas de 15 e 16 anos: Uxía García á voz, Nora Lora á guitarra, Uxía Romero na batería e Maya Sáez no teclado. O grupo formouse no IES Alexandre Boveda, no que cursan 4º da ESO. O seu estilo é rock, máis con trazos propios que tocan paus do metal, pop, punk ou grunge. Con esta canción queren reflectir o sentimento de non atoparse ben con elas mesmas por algo ou alguén que non deixa "espertar" e ser un mesmo completamente. Tamén tratan temas como "a vergoña propia, o arrepentimento ou a dor de non ser suficientes para alguén que non as aprecia".