Desbloqueado un «proxecto clave» para os investimentos Next Generation do Xeoparque de Cabo Ortegal
O vicepresidente da Deputación reuniuse hoxe cun alto cargo da Secretaría de Estado de Turismo para desbloquear unha importante iniciativa para a posta en valor do Camiño do Plantío
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, aproveitou a súa estadía en Madrid con motivo da celebración do Salón Gourmets para manter unha reunión de traballo con Ilona Shekyants, subdirectora xeral de Desenvolvemento e Sustentabilidade Turística da Secretaría de Estado de Turismo. O obxectivo foi abordar a situación dun dos proxectos financiados con fondos Next Generation vinculados ao Xeoparque Cabo Ortegal.
Regueira e Shekyants analizaron a iniciativa prevista para a recuperación do Camiño do Plantío e a posta en valor da Casa da Bastona, unha actuación que presentaba dúbidas na súa tramitación e execución e que a Deputación da Coruña considerou viábel desde o primeiro momento.
Tras a reunión, as cuestións técnicas e administrativas «quedaron totalmente aclaradas», segundo explicou o vicepresidente, o que permite «desbloquear definitivamente o desenvolvemento da actuación nos termos inicialmente previstos». Regueira valorou «moi positivamente a entrevista» e agradeceulle á subdirectora xeral a súa «rápida xestión» para facela posíbel.
O vicepresidente destacou que «esta reunión permitiu confirmar a viabilidade dun proxecto que sempre defendemos desde a Deputación como plenamente realizábel e coherente coa estratexia de valorización patrimonial e turística do territorio».
Regueira subliñou ademais a importancia de seguir avanzando nos proxectos vinculados ao Xeoparque Cabo Ortegal como ferramenta para reforzar un modelo turístico sustentábel, vinculado ao patrimonio natural, cultural e paisaxístico da provincia.
