A Deputación e o CITIC achegan a intelixencia artificial xenerativa ao alumnado do IES Xulián Magariños de Negreira
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, participou na xornada formativa na que o alumnado aprende a manexar ferramentas de IA como ChatGPT ou Gemini
A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, participou onte no IES Xulián Magariños de Negreira nunha das xornadas do programa formativo sobre intelixencia artificial xenerativa que a institución provincial desenvolve en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña.
A deputada estivo acompañada polo director e o vicedirector do centro educativo, José Luís Mateo e Jesús García Otero, así como polo concelleiro Adolfo Barbosa e a catedrática de Ciencias da Computación e Tecnoloxía da Información da UDC, Susana Ladra González.
A iniciativa, que chegará a 20 institutos da provincia, está dirixida ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato e ten como obxectivo achegar competencias básicas en intelixencia artificial xenerativa, así como fomentar un uso ético, seguro e responsable destas ferramentas.
Durante a sesión, o alumnado participou en prácticas con ferramentas como ChatGPT, Gemini ou HuggingChat, aprendendo a formular instrucións eficaces, xerar textos e imaxes, resumir información e analizar contidos de maneira crítica. O programa combina explicacións teóricas cunha parte práctica en aula, facilitando a comprensión do funcionamento destes sistemas e a reflexión sobre os seus límites, riscos e oportunidades.
Mar García Vidal destacou que "a intelixencia artificial xa está presente na vida cotiá, polo que é importante que a mocidade saiba empregala con criterio e responsabilidade". A deputada sinalou tamén que "formar en competencias dixitais é clave para garantir a igualdade de oportunidades e evitar novas fendas sociais".
Cada centro participante contará con dúas sesións formativas de dúas horas, deseñadas para ofrecer unha aproximación rigorosa pero accesible a unha tecnoloxía que está a transformar a sociedade a gran velocidade.
