A Rede Cultural 2026 programa 1233 actuacións cun investimento de 1,57 millóns de euros
Mondra, SonDeSeu, De Ninghures, Uxía Lambona e a Banda Molona, Pakolas, Xoán Curiel, García MC, Redrum Teatro, Ibuprofeno Teatro, Teatro do Noroeste, Galeatro, Fran Sieira Compañía de Danza, Marta Alonso Tejada, Mago Antón, Maga Fani, Dani Polo, Peter Punk Pallaso e A Xanela do Maxín son algúns dos protagonistas da programación deste ano
«Con esta nova edición da Rede Cultural consolidamos un modelo descentralizado, sustentábel e participativo, que sitúa a cultura como un dereito e un servizo público», sinalou a deputada de Cultura, Natividade González
A Rede Cultural 2026 da Deputación da Coruña programará un total de 1233 actuacións, nunha axenda que chegará a todos os concellos da provincia. O investimento da administración provincial no circuíto alcanza os 1 571 167,01 euros. Teatro, monicreques, maxia, danza, música, cinema, narración oral e outros contidos para a dinamización social do galego completan un amplo catálogo.
Os diferentes espectáculos distribúense entre catro programas:
— Escena ao vivo, programa de propostas profesionais de teatro, monicreques, maxia, danza e música para concellos, incluirá 918 actuacións (515 de teatro, 269 concertos, 107 de maxia e 27 de danza).
— Visións, programa profesional de cinema e contidos audiovisuais para concellos: 71 proxeccións.
— Lingua a escena!, programa de espectáculos profesionais de música, teatro, danza, maxia, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega, para concellos: 110 actuacións.
— Alicerce, programa de grupos de música, danza e teatro non profesional para concellos e entidades: 134 actuacións.
A Deputación asume o 75% do orzamento das actuacións da Rede Cultural en concellos de menos de 5000 habitantes, o 60% nos que teñen entre 5001 e 10 000, o 50% nos de entre 10 001 e 20 000, o 40% nos de entre 20 001 e 50 000 e finalmente un 30% nos de máis de 50 001.
«Con esta nova edición da Rede Cultural consolidamos un modelo descentralizado, sustentábel e participativo, que sitúa a cultura como un dereito e un servizo público», sinala a deputada de Cultura, Natividade González. «A cultura», engade, «crea comunidade, xera emprego e, sobre todo, emociona e transforma; e desde a Deputación seguiremos traballando para garantir este dereito en todos os recantos da provincia».
Para González, «a cultura é un motor de desenvolvemento social e económico, e este investimento permitirá achegar a todos os concellos, mesmo aos máis pequenos, unha programación diversa e de calidade que reflicte a riqueza e o talento do sector, desde o teatro á música, a danza, o cinema, a maxia ou a narración oral».
O departamento de Cultura provincial segue apostando, segundo a deputada, «por un circuíto que tece redes e que, desde a proximidade e en colaboración coas administracións locais, enriquece a vida da veciñanza, ademais de proporcionar un espazo de traballo relevante e ofrecer oportunidades profesionais a compañías e artistas».
A resolución de adxudicación aos concellos dos espectáculos da Rede Cultural 2026 pode consultarse no BOP núm. 71, do 17 de abril de 2026.
