A Deputación reafirma en Ferrol o seu apoio ás feiras do libro como espazos de encontro e promoción da lectura en toda a provincia
A deputada de Cultura, Natividade González, participou este xoves na inauguración da Feira do Libro de Ferrol, que rematará o domingo
A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou hoxe na inauguración da Feira do Libro de Ferrol, que se celebra na Praza da Constitución e que converterá durante catro días a cidade nun punto de encontro ao redor da lectura.
O acto contou coa presenza do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a pregoeira desta edición, Cristina Otero; e o representante da Libraría Day, Antonio Martínez, ademais doutras autoridades e representantes do sector.
Durante a súa intervención, Natividade González destacou o valor destas feiras como espazos de encontro e celebración colectiva da cultura. «As feiras do libro son moito máis ca un espazo de venda: son lugares onde os libros saen ao encontro da xente, onde se comparten historias e onde a lectura se converte nunha experiencia viva e colectiva», sinalou.
A deputada subliñou tamén o compromiso da Deputación coa promoción da lectura e co apoio ao sector editorial e libreiro. «Seguimos apostando por unha cultura accesíbel, que chegue a todos os recunchos da provincia e que se viva en común, porque cremos que a lectura é unha ferramenta fundamental para construír unha sociedade máis crítica, máis libre e máis consciente», afirmou.
Natividade González quixo ademais recoñecer o labor de todas as persoas e entidades que fan posíbel a celebración da feira, ao tempo que puxo en valor o papel das lectoras e lectores, «que son quen realmente lle dan sentido e vida a esta feira».
Programación
O programa da feira inclúe unha ampla oferta de actividades para todos os públicos, desde presentacións e sinaturas de libros até espectáculos e propostas familiares. Na xornada inaugural celebrouse o pregón a cargo de Cristina Otero, mentres que nos vindeiros días haberá conversas por volta da creación literaria, encontros sobre memoria e narrativa contemporánea, actividades escénicas e contacontos dirixidos ao público infantil.
A programación complétase cunha intensa actividade nas casetas das librarías participantes, con sinaturas de autoras e autores ao longo de toda a fin de semana, así como cunha homenaxe a Otero Pedrayo e propostas que combinan literatura con música e outras disciplinas artísticas.
A Feira do Libro de Ferrol desenvolverase até o vindeiro 26 de abril en horario de mañá e tarde e contará coa participación de diversas librarías da cidade, ofrecendo ademais descontos na venda de libros durante toda a súa celebración.
