A Deputación da Coruña participa na inauguración do festival RESIS 2026 no Teatro Rosalía de Castro
A novena edición deste evento conta coa presenza de artistas internacionais e grupos de prestixio
O concerto inaugural rende homenaxe ao compositor estadounidense Morton Feldman (1926-1987) no centenario do seu nacemento
A deputada de Cultura, Natividade González, canda o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas, e a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra, participou este xoves na inauguración do Festival Internacional de Música Contemporánea RESIS 2026, celebrada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
No marco do festival, Natividade González puxo en valor o papel do RESIS como unha proposta consolidada no panorama cultural, capaz de situar a cidade como referente da creación contemporánea. «RESIS soubo medrar mantendo unha identidade propia: arriscada, aberta e profundamente contemporánea», salientou, incidindo tamén na súa capacidade para combinar a música de vangarda con outras linguaxes artísticas e co propio espazo urbano.
A deputada subliñou que o evento «non é só un festival, é unha experiencia», ao ofrecer propostas que interpelan ao público desde enfoques innovadores e que contribúen a ampliar os límites da creación musical contemporánea.
A novena edición do RESIS conta coa presenza de artistas internacionais e grupos de prestixio, cun programa que inclúe nove concertos e doce estreas absolutas entre o 23 de abril e o 30 de maio en diferentes espazos da cidade da Coruña. A programación complétase con citas en Santiago de Compostela e unha vertente expandida que chegará tamén a Madrid e Roma.
O concerto inaugural rende homenaxe ao compositor estadounidense Morton Feldman (1926-1987) no centenario do seu nacemento, figura clave da música do século XX vinculada á escola experimental de Nova York, mentres que o de clausura acollerá a estrea de Entre Feldman, unha creación de Niño de Elche e Héctor Cavallaro.
