Estás en:Novas

A Deputación da Coruña exhibe o potencial do Camiño en Reading (Inglaterra) ante milleiros de visitantes

A feira "Walk The Spanish Way" congregou a miles de persoas interesadas na oferta turística e cultural de Galicia e do Camiño

Antonio Leira e Bernardo Fernández participaron no evento, que reforza a proxección internacional das rutas xacobeas no Reino Unido

A Deputación da Coruña exhibe o potencial do Camiño en Reading (Inglaterra) ante milleiros de visitantes

A Deputación da Coruña celebrou esta fin de semana en Reading (Inglaterra) o evento "Walk the Spanish Way – Primavera no Camiño", unha acción de promoción internacional do Camiño Inglés e do Camiño Fisterra-Muxía que reuniu a miles de persoas ao longo da xornada.

A feira, desenvolvida en Broad Street, espertou un notable interese entre o público británico, que se achegou aos distintos espazos para coñecer de primeira man os atractivos culturais, paisaxísticos e gastronómicos de Galicia e das rutas xacobeas. A música tradicional galega, os contidos audiovisuais e o showcooking do cociñeiro galego André Arzúa contribuíron a crear unha experiencia completa arredor do Camiño.

No evento participaron o deputado provincial Antonio Leira, e o tamén deputado provincial Bernardo Fernández Piñeiro, presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, que destacaron a boa acollida da iniciativa e o interese crecente do mercado británico por estas rutas.

Antonio Leira subliñou que "a resposta do público en Reading confirma que o traballo de promoción que levamos anos desenvolvendo no Reino Unido está a dar resultados, cun incremento constante de peregrinos británicos no Camiño Inglés".

Pola súa banda, Bernardo Fernández salientou "a importancia de seguir reforzando a presenza internacional dunha ruta cun forte vínculo histórico co Reino Unido e cun perfil de visitante moi interesado na cultura, a historia e a identidade do territorio".

Estas accións desenvólvense en colaboración coa Xunta de Galicia e outras entidades, no marco da estratexia promocional do Xacobeo 2027, e teñen como obxectivo consolidar o posicionamento internacional do Camiño Inglés nun dos seus principais mercados emisores.

Nova mouteira en Southampton

A programación promocional continuará mañá luns coa inauguración dunha nova mouteira do Camiño Inglés na cidade de Southampton, situada no entorno da igrexa de Holyrood.

Este novo fito sinaliza o final do trazado do St James' Way en territorio británico e a súa conexión con Galicia, reforzando o papel de Southampton como un dos principais portos históricos de saída de peregrinos cara a Santiago de Compostela e como porta de entrada internacional ao Camiño.