Estás en:Novas

A Deputación dá un paso máis na promoción do Camiño Inglés cunha nova mouteira en Southampton

Os deputados Bernardo Fernández e Antonio Leira volveron desprazarse ás illas británicas para inaugurar un novo fito para esta ruta, que nos últimos anos non fai máis ca medrar

A de Southampton únese ás inauguradas recentemente en Finchale, Reading ou Winchester, onde tamén houbo representación provincial para tender pontes entre Reino Unido e Galicia a través do Camiño

A Deputación dá un paso máis na promoción do Camiño Inglés cunha nova mouteira en Southampton

Os deputados provinciais Bernardo Fernández e Antonio Leira participaron hoxe na inauguración dunha nova mouteira do Camiño Inglés na cidade británica de Southampton. Fernández, quen preside ademais a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, e Leira participaron na estrea deste novo sinal xacobeo, situado xunto á histórica igrexa de Holyrood, nun acto que contou tamén coa presenza do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles. Esta nova marca territorial súmase aos esforzos recentes da institución provincial por situar a provincia da Coruña como o destino final dunha ruta que ten as súas raíces históricas nos portos do sur de Inglaterra.

Esta inauguración en Southampton non é un feito illado, senón que forma parte dunha folla de ruta estratéxica liderada pola Deputación. Este novo indicador únese aos xa instalados previamente por iniciativa provincial en localidades clave como Finchale, Reading e Winchester, onde a delegación coruñesa xa abrira camiño para recuperar o trazado sur da ruta marítima. Os datos avalan a xestión provincial, cun incremento do 22% no volume de peregrinos británicos no que vai de ano e un total de máis de 14.600 camiñantes procedentes das illas durante o pasado exercicio.

Ademais, o pasado mes de setembro, o presidente provincial, Valentín González Formoso, realizou —tamén acompañado de Fernández e Leira— unha viaxe institucional a Escocia por esta mesma razón. Nesa visita, a delegación provincial estableceu contactos estratéxicos con institucións como a Universidade de St. Andrews e o goberno escocés para potenciar tanto o Camiño Inglés como o de Fisterra-Muxía. Aquela visita serviu para estreitar lazos académicos e culturais que hoxe se ven reforzados coa ampliación da rede de sinalización en Inglaterra.

Durante o acto central, Bernardo Fernández destacou que a colocación desta mouteira supón un avance fundamental na recuperación da memoria histórica que une a Galicia co Reino Unido a través do mar. O deputado sinalou que dende a Deputación estase a facer un "traballo incesante" para que o Camiño Inglés sexa unha ferramenta de dinamización cultural e económica para todos os concellos coruñeses. Segundo explicou Fernández, "con esta nova sinalización en Southampton seguimos construíndo pontes directas co público británico, convidándoos a redescubrir unha ruta que estivo esquecida durante séculos e que hoxe, grazas a impulsos coma este, é máis viva e internacional ca nunca".

A xornada institucional incluíu un percorrido por enclaves patrimoniais vinculados á peregrinación, como a porta medieval de Bargate ou a igrexa de St. Julien.