Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia a chegada ás salas de ‘Así chegou a noite’, o novo filme de Ángel Santos

A deputada de Cultura, Natividade González, participou este mércores na preestrea da fita, nun acto que reuniu na sala compostelá Numax o equipo da película e representantes institucionais coincidindo coa próxima chegada ás salas comerciais

A Deputación da Coruña apoia a chegada ás salas de ‘Así chegou a noite’, o novo filme de Ángel Santos

Preestrea de 'Así chegou na noite'. Foto: Sabela Souto

A Deputación da Coruña participou este mércores na presentación de Así chegou a noite, o novo filme do cineasta galego Ángel Santos, que esgotou as entradas na súa preestrea galega celebrada en Numax, en Santiago de Compostela. A deputada de Cultura, Natividade González, asistiu ao acto de presentación desta longametraxe, apoiada pola institución provincial a través da súa liña de axudas á distribución.

A presenza da Deputación da Coruña nesta cita reforza o compromiso da institución co impulso ao audiovisual galego e co apoio á difusión de proxectos cinematográficos vinculados ao país, favorecendo que producións galegas poidan ampliar o seu percorrido e chegar ao público en salas comerciais.

Na provincia da Coruña, o filme poderá verse en Santiago de Compostela (Multicines Compostela e Numax), A Coruña (Cantones Cines), Ferrol (Duplex), Narón (Odeón) e Cee (Xunqueira), ampliando a súa chegada ao público coruñés cunha destacada presenza en diferentes comarcas.

Rodada integramente en Galiza, Así chegou a noite chega aos cinemas mañá, xoves 30 de abril, despois do seu paso por diversos festivais internacionais, entre eles BAFICI, o D'A de Barcelona ou o Festival Internacional de Cine de Xixón, onde Ángel Santos foi recoñecido coa mellor dirección da Sección Oficial Internacional.

Protagonizada por Denís Gómez e Violeta Gil, coa colaboración especial de Miquel Insúa, a película inicia agora a súa primeira fin de semana en salas cunha programación especial de pases acompañados polo director e parte do elenco en Santiago de Compostela, Ferrol, Vigo e A Coruña.

A Deputación da Coruña contribúe así ao apoio e promoción de iniciativas culturais estratéxicas para o fortalecemento do sector audiovisual galego, apoiando a distribución dunha obra que exemplifica a capacidade creativa e o momento de madurez da ficción galega de autor.