A Deputación da Coruña e o Museo Valle-Inclán da Pobra estudan fórmulas de colaboración para reforzar a proxección dunha das figuras clave da literatura española
O museo, que abriu as súas portas en 1987, está considerado a institución valleinclaniana decana do país
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta semana o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal no marco da súa visita institucional ao municipio, na que quixo coñecer de primeira man este singular centro cultural.
Durante o percorrido polas instalacións, Formoso estivo acompañado polo director do museo, Antonio González Millán, polo alcalde da localidade, José Carlos Vidal, e pola concelleira Patricia Lojo. O presidente interesouse polos fondos que alberga o museo, que inclúen pezas orixinais que pertenceron ao autor, documentación, obras bibliográficas e materiais vinculados á vida e á produción literaria de Ramón María del Valle-Inclán.
O museo está situado na histórica Torre de Bermúdez, un edificio do século XVI construído entre 1540 e 1545, que constitúe un dos elementos patrimoniais máis destacados da vila. Declarada monumento histórico-artístico en 1976, foi rehabilitada entre 1983 e 1987 para acoller o Museo Valle-Inclán, que abriu as súas portas en 1987 e está considerado a institución valleinclaniana decana do país.
Valle-Inclán é unha das grandes figuras da literatura española e unha referencia esencial da cultura galega. A súa obra, innovadora e profundamente persoal, marcou un antes e un despois coa creación do "esperpento", unha nova forma de entender a realidade a través da deformación crítica. A súa influencia esténdese tanto á narrativa como ao teatro, converténdoo nun autor clave da modernidade literaria, cunha proxección que transcende fronteiras e continúa plenamente vixente.
Durante a visita, o presidente puxo en valor o labor cultural do museo e a súa relevancia como centro de referencia para a investigación e a divulgación da obra de Valle-Inclán. Neste sentido, destacou a colaboración da Deputación co centro, que inclúe o financiamento da contratación dunha técnica para a atención ao público cunha achega anual de 20.000 euros, ademais do apoio a distintas actividades.
Formoso sinalou a importancia de preservar e difundir o legado de Valle-Inclán, profundamente ligado á Pobra, e avanzou a vontade da Deputación de explorar novas vías de colaboración e alianzas co museo para traballar conxuntamente na posta en valor e na proxección dunha das figuras máis relevantes e con maior dimensión internacional da literatura española.
