Regueira sitúa a seguridade, a prevención e a mobilidade como principais retos para as administracións ante a eclipse total de sol
O vicepresidente da Deputación sitúa a Costa da Morte como un «enclave privilexiado» para vivir un fenómeno astronómico «único na vida»
«Cómpre utilizar gafas homologadas; non é un negocio, é unha necesidade», advirte Regueira sobre a observación segura da eclipse
O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, participou este xoves desde Espazo Nature, en Carballo, nun programa especial de Onda Cero dedicado á eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto. Será unha cita astronómica «excepcional», onde a Costa da Morte será un dos lugares privilexiados de observación. A emisión realizouse desde este punto da comarca ao ser, xunto coas Mariñas coruñesas, un dos dous destinos starlight da provincia da Coruña.
Durante a entrevista, Regueira puxo en valor as condicións «extraordinarias» deste territorio para vivir o fenómeno, pois posúe amplas zonas despexadas e libres de contaminación lumínica que permitirán contemplar en todo o seu esplendor un acontecemento «único na vida».
O vicepresidente expresou o seu desexo de que a xornada se desenvolva en condicións meteorolóxicas favorábeis, aínda que subliñou que a preparación institucional está xa centrada especialmente na prevención, a seguridade e a mobilidade. «Eu agardo que sexa un día onde poidamos gozar dunhas condicións extraordinarias. Pero temos que preocuparnos da seguridade, da prevención, da mobilidade. Son factores en que a Deputación xa está traballando e vimos de celebrar unha xornada», explicou en referencia ao encontro técnico celebrado este martes no Pazo de Mariñán, en Bergondo.
Nese sentido, incidiu na necesidade de establecer protocolos que garantan a capacidade de resposta ante posíbeis incidencias, especialmente nun contexto no que se agarda unha gran afluencia de visitantes ás zonas de totalidade. Regueira advertiu de que en comarcas como a Costa da Morte ou as Mariñas coruñesas moitas persoas permanecerán no territorio durante varios días, polo que resulta fundamental asegurar que «os equipos de atención ás persoas poidan desprazarse con normalidade».
O responsábel provincial destacou tamén que, mesmo se as condicións meteorolóxicas non fosen óptimas, o territorio seguirá ofrecendo unha experiencia singular grazas ao valor paisaxístico e ao acompañamento especializado. «Agardo que sexa un día de sol», sinalou, antes de reivindicar tamén «a maxia deste territorio» e o papel de entidades como a Asociación de Astroturismo da Costa da Morte, cuxo coñecemento especializado enriquecerá a experiencia observacional. «Hai moitos aspectos que poden axudar á experiencia e que unha boa guía axuda a descubrir», engadiu.
Regueira lembrou ademais que a promoción inicial da eclipse en espazos como FITUR deu paso rapidamente a unha estratexia máis centrada na información e na prevención. «Estivemos en FITUR acompañados por membros da asociación, coa intención de promocionar, mais deseguido nos decatamos de que era máis importante centrarnos na prevención e, sobre todo, a información», afirmou.
Finalmente, o vicepresidente fixo un chamamento á responsabilidade fronte á desinformación e aos discursos negacionistas arredor da protección visual, especialmente entre a mocidade, e insistiu na importancia de empregar dispositivos homologados para observar a eclipse con seguridade. «Cómpre utilizar gafas homologadas; non é un negocio, é unha necesidade», concluíu.
