Estás en:Novas

Natividade González reivindica en Mariñán o papel estratéxico da cultura local como ferramenta de cohesión, democracia e transformación social

«A cultura non é un complemento, senón unha peza central do desenvolvemento democrático», explicou a deputada

A Deputación da Coruña organizou este xoves a primeira das dúas xornadas formativas de acompañamento ao 'Manual para políticas culturais locais'

Natividade González reivindica en Mariñán o papel estratéxico da cultura local como ferramenta de cohesión, democracia e transformación social

A Deputación da Coruña celebrou hoxe no pazo de Mariñán, en Bergondo, a primeira das dúas xornadas do programa de acompañamento formativo e de socialización pública do Manual para políticas culturais locais. 6 fases e 25 accións para fortalecer a cultura. Esta obra, recentemente editada pola institución provincial, concíbese como unha ferramenta práctica para reforzar o desenvolvemento de políticas culturais transformadoras nos concellos da provincia.

A deputada de Cultura, Natividade González, destacou a importancia dunha publicación que definiu como froito «do rigor da investigación e do compromiso coa transformación social a través da cultura» e agradeceu o traballo desenvolvido por Fran Quiroga e Adela Vázquez, así como a achega do asesor de Cultura da Deputación, Xavier Campos. González subliñou que «as políticas culturais constrúense desde o local» e reivindicou o papel dos concellos como espazos fundamentais para escoitar a veciñanza, detectar necesidades e tecer redes.

Durante a súa intervención, incidiu en que «a cultura é dereito, é acceso, é participación, é identidade compartida. Pero tamén é economía, cohesión social, pensamento crítico e futuro», defendendo que a aposta pola cultura fortalece os territorios e contribúe a construír sociedades máis xustas e vivas.

A xornada, baixo o título 'Unha cultura que coida', centrouse na formulación de propostas culturais que incorporen a perspectiva do coidado, a sustentabilidade e o fortalecemento das comunidades. O encontro reuniu persoal técnico, cargos públicos, axentes culturais e comunidades locais da provincia arredor dunha reflexión compartida sobre o papel das administracións locais no deseño de políticas culturais transformadoras.

González puxo tamén o foco na necesidade de cooperación institucional e no acompañamento aos concellos, sinalando que ferramentas como este manual permiten ofrecer «un marco, unha metodoloxía e propostas concretas» adaptábeis ás diversas realidades locais, nun contexto no que as administracións afrontan importantes retos sociais, económicos e demográficos.

A deputada expresou ademais o desexo de que esta publicación «non quede nunha estantería» e se converta nun instrumento de uso cotián para responsábeis políticos e persoal técnico municipal comprometido co impulso de políticas culturais planificadas, participadas e transformadoras.

O programa continuará cun segundo obradoiro, 'Diagnose e estratexia cultural', previsto para o mes de xuño en Santiago de Compostela.