Estás en:Novas

Betanzos abriu o ciclo provincial de ‘Lavadoiro’, co que a Deputación conmemora o Día Internacional dos Museos e o Día Internacional dos Sitios e Monumentos

A partir do 12 de maio continuará en Oleiros, Cee, Melide e Noia con novas sesións para reflexionar sobre o papel dos lavadoiros na vida das mulleres, como espazos de traballo doméstico e socialización

A arquitecta e fotógrafa Ana Amado desenvolveu este proxecto xunto cun equipo multidisciplinar no que participa o cineasta Lois Patiño

Betanzos abriu o ciclo provincial de ‘Lavadoiro’, co que a Deputación conmemora o Día Internacional dos Museos e o Día Internacional dos Sitios e Monumentos

Betanzos acolleu o sábado, 2 de maio, o primeiro pase do documental Lavadoiro, acompañado dun coloquio coa autora. Trátase dunha iniciativa da Área de Cultura da Deputación da Coruña que levará esta proposta audiovisual a distintos concellos da provincia ao longo do mes, co obxectivo de conmemorar tanto o Día Internacional dos Sitios e Monumentos (18 de abril) coma o Día Internacional dos Museos (18 de maio).

A xornada desenvolveuse en dous espazos da vila. Pola mañá, no lavadoiro das Cascas, tivo lugar unha visita guiada conducida por Ángel Arcay, seguida da actividade 'Lavar e cantar: xuntanza interxeracional para reactivar o lavadoiro', con Sara Fraga. Xa pola tarde, presentouse a exposición 'O oficio de lavar: unha cartografía sensible', con Xoana Abraira.

A programación completouse no Cine Alfonsetti coa proxección do documental Lavadoiro, de Ana Amado, e un coloquio posterior arredor da curtametraxe, coa participación da directora.

O ciclo continuará o seu percorrido por outros municipios nas vindeiras datas: o 12 de maio en Oleiros, no Teatro das Torres de Santa Cruz (19.00 h); o 14 de maio en Cee, na Casa da Cultura (11.00 h); o 15 de maio en Melide, no Museo Terra de Melide (18.30 h); e o 16 de maio en Noia, na Casa da Cultura (12.00 h).

O proxecto Lavadoiro propón unha reflexión activa e multidisciplinar sobre o papel dos lavadoiros na vida das mulleres, como espazos de traballo doméstico e tamén de relación. A iniciativa toma como punto de partida o entorno do lavadoiro de Artes (Corrubedo, Ribeira), construído nos anos corenta e recentemente recuperado como espazo público.

A arquitecta e fotógrafa Ana Amado desenvolveu este proxecto xunto cun equipo multidisciplinar no que participa o cineasta Lois Patiño, contando tamén coa colaboración de axentes e mulleres locais vinculadas ao uso tradicional destes espazos.

O traballo formalizouse nunha curtametraxe rodada en distintos lavadoiros de Artes e A Penisqueira (Aguiño), ambos en Ribeira, e no de San Tomé, no Porto do Son, coa participación de once mulleres locais, recollendo testemuños e lembranzas arredor destes lugares.