O Concello de Vimianzo e a Deputación da Coruña reivindican o liderado das mulleres do rural
Rosa Ana García participou xunto á alcaldesa e deputada provincial, Mónica Rodríguez, na inauguración do foro Alza Voz de Muller, que se celebra hoxe e mañá na Casa da Cultura de Vimianzo
A deputada destacou que "ningunha muller debería sentir que ten que abrir camiño soa, nin ningunha profesional debería ter que marchar ao ámbito urbano para demostrar o que vale"
A Deputación da Coruña reivindicou hoxe en Vimianzo o papel das mulleres do rural como motor de emprego, emprendemento e futuro.
A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, participou esta tarde, xunto á alcaldesa de Vimianzo e tamén deputada provincial, Mónica Rodríguez, ao subdelegado do Goberno, Julio Abalde, a representante da Xunta, María Quintiana, e a da UDC, Lorena Añón, na inauguración do foro Alza Voz de Muller, que se celebra hoxe e mañá sábado na Casa da Cultura do municipio.
O encontro reúne durante dúas xornadas a profesionais de distintos ámbitos para compartir experiencias e coñecemento arredor do liderado feminino, especialmente no ámbito rural, baixo o lema "Da consciencia á acción".
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, celebrou que Vimianzo acolla a segunda edición de Alza Voz de Muller "con orgullo e convicción". "Este foro demostra que o rural non é a periferia de nada: é un territorio con talento, con capacidade de liderado e con mulleres que emprenden e transforman cada día. Que un evento desta envergadura, con voces tan relevantes e con tanta participación, teña lugar aquí é algo que nos enche de orgullo como concello e como comunidade. Desde o Concello de Vimianzo seguiremos apostando por espazos que poñan en valor o talento feminino no noso territorio, porque investir nas mulleres é investir no futuro de todos", afirmou.
Pola súa banda, Rosa Ana García agradeceu ao Concello de Vimianzo e á súa alcaldesa o impulso deste foro, "un espazo necesario para poñer o foco onde tantas veces non se pon: nas voces das mulleres que durante demasiado tempo tiveron que abrirse camiño con máis esforzo, máis obstáculos e menos recoñecemento".
A deputada subliñou que o rural "é un territorio de futuro" grazas ao traballo de mulleres emprendedoras, profesionais, autónomas, empresarias, traballadoras, responsables públicas, representantes de asociacións e creadoras de proxectos. "Temos talento, capacidade, liderado e vontade de transformar a realidade", afirmou.
Rosa Ana García destacou que o foro Alza Voz de Muller que "ningunha muller debería sentir que ten que abrir camiño soa, ningunha emprendedora debería pensar que o seu proxecto é máis pequeno por nacer nun concello rural e ningunha profesional debería ter que marchar ao ámbito urbano para demostrar o que vale".
Neste contexto, sinalou que cando se fala de emprego, industria, comercio local, emprendemento ou reto demográfico "tamén se está falando de igualdade", porque "non hai desenvolvemento posible se a metade da poboación segue atopando máis dificultades para poñer en marcha unha idea, consolidar unha empresa, acceder a postos de responsabilidade ou compatibilizar a vida profesional coa vida persoal e familiar".
Rosa Ana García puxo como exemplo o Plan de Emprego Local da Deputación, que apoia a contratación, o emprendemento, o traballo autónomo e a consolidación de pequenas empresas en toda a provincia, moitas delas lideradas por mulleres en concellos pequenos e medianos. Tamén fixo referencia ao programa de apoio ao comercio lcoal MercaNaVila, impulsado pola Deputación xunto á Federación Galega de Comercio nos concellos de menos de 20.000 habitantes, como exemplo de apoio ao comercio local, "moitas veces sostido por mulleres" e fundamental para manter a vida nas rúas e nas vilas.
Rosa Ana García pechou a súa intervención cunha referencia á homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Begoña Caamaño, autora que nas súas obras deu voz ás mulleres que durante séculos apareceron nos relatos doutros, pero poucas veces puideron contar a súa propia historia.
"Creo que Morgana, Circe ou Penélope estarían orgullosas de ver como hoxe, aquí en Vimianzo, en Alza Voz de Muller, as mulleres falan, opinan, comparten, propoñen e ocupan o espazo que lles corresponde", concluíu.
O foro contará coa participación de mulleres de referencia en ámbitos diversos como o político, económico, social, cultural, académico e empresarial. Na programación figuran profesionais como María Fornet, psicóloga e autora; Yolanda Domínguez, artista visual e consultora; e Laura Sagnier, activista pola equidade.
