Formoso recibe ao alcalde de Noia e ao Portus Apostoli Fútbol Sala para coñecer o proxecto deportivo e social do club
A Deputación da Coruña vén colaborando nos últimos anos coa entidade a través das liñas de apoio a clubs deportivos que participan en competicións nacionais e internacionais, con achegas de entre 43.000 e 44.000 euros
O presidente provincial destacou o papel do club, que vén certificar a súa permanencia na primeira división do fútbol sala nacional, como referente deportivo de Noia e da provincia
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantivo unha reunión na sede da institución provincial co alcalde de Noia, Francisco Pérez Caamaño, e co secretario do Club Noia Portus Apostoli Fútbol Sala, Javier Barreiro Lorenzo, que asistiu en representación da entidade, para coñecer de primeira man o proxecto deportivo do club, que acaba de certificar a súa permanencia na primeira división do fútbol sala nacional.
Durante o encontro, Formoso interesouse pola situación actual do club, pola súa estrutura deportiva e polos retos que implica competir na máxima categoría do fútbol sala estatal, así como polo impacto que a actividade da entidade ten no municipio de Noia e no conxunto da comarca.
A Deputación da Coruña vén colaborando nos últimos anos co Club Noia Fútbol Sala a través das súas liñas de subvencións destinadas a entidades deportivas, con achegas anuais que oscilan entre os 43.000 e os 44.000 euros. Este apoio contribúe a sufragar parte dos gastos derivados da actividade deportiva do club, como desprazamentos, competición, estrutura técnica, material deportivo e organización dos encontros.
Formoso destacou que Portus Apostoli "é un proxecto deportivo que leva o nome de Noia e da provincia por toda España, que xera ilusión na afección e que serve de referente para moitos nenos e nenas que practican este deporte".
Pola súa banda, o alcalde de Noia, Francisco Pérez Caamaño, puxo en valor a traxectoria recente da entidade e o orgullo que supón para o municipio contar cun club consolidado na elite nacional do fútbol sala. O rexedor destacou a importancia da colaboración institucional para garantir a continuidade de proxectos deportivos que, como o Portus Apostoli, gozan dunha forte implantación social.
O secretario do club, Javier Barreiro Lorenzo, trasladou ao presidente provincial a realidade económica e deportiva da entidade, así como os principais retos de futuro dun club que representa a Noia na Primeira División de Fútbol Sala e que mantén un importante vínculo coa afección e coa base deportiva local.
