A Deputación pecha en Ames a serie de encontros para avanzar cara a unha cultura máis inclusiva
As xornadas celebráronse en Neda, Oleiros, Vimianzo, Outes e Ames reunindo persoal técnico municipal, compañías artísticas e persoas vinculadas ao ámbito da accesibilidade
A deputada Natividade González destacou que «unha cultura que non é accesíbel non é verdadeiramente pública» e apelou a «pasar das intencións ás accións concretas»
A deputada de Cultura, Natividade González, participou este venres no derradeiro dos encontros 'Por unha Rede Cultural accesible', celebrado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames). A iniciativa forma parte do proxecto impulsado pola Deputación da Coruña para avanzar cara a unha cultura accesíbel e inclusiva, garantindo a participación en igualdade de condicións de todas as persoas.
O ciclo desenvolveuse ao longo das últimas semanas en distintos puntos da provincia co obxectivo de crear espazos de diálogo, sensibilización e formación arredor da accesibilidade cultural. Os encontros celebráronse en Neda, Oleiros, Vimianzo, Outes e agora Ames, reunindo persoal técnico municipal, compañías artísticas e persoas vinculadas ao ámbito da accesibilidade.
Durante a xornada de clausura, Natividade González destacou que «unha cultura que non é accesíbel non é verdadeiramente pública» e incidiu na necesidade de «pasar das intencións ás accións concretas» para garantir unha accesibilidade real na programación cultural da provincia.
A deputada salientou tamén o carácter colaborativo da iniciativa, subliñando que «a accesibilidade non se constrúe desde un único lugar, senón escoitando, compartindo experiencias e traballando en común co sector cultural, cos concellos e coas propias persoas que atopan barreiras de acceso».
O proxecto, presentado o pasado mes de abril pola Deputación da Coruña, desenvolverase ao longo de 2026 e aposta por incorporar a accesibilidade como un criterio estrutural da Rede Cultural, presente tanto na planificación como na produción e na mediación cultural.
A proposta estrutúrase en tres fases: sensibilización, formación e acompañamento ás compañías teatrais interesadas en implementar medidas de accesibilidade nos seus espectáculos. O proxecto conta coa participación de Chévere Producións no deseño metodolóxico e asesoramento, de Escena Galega na produción e coordinación técnica, e de Carme Giráldez na coordinación xeral.
