A Deputación leva ao CEIP Sada y sus Contornos un obradoiro que transforma lixo mariño en creación artística
A deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García, participou na actividade xunto aos escolares, que reutilizaron residuos plásticos recollidos previamente na praia urbana de Sada
A Deputación da Coruña levou esta mañá ao CEIP Sada y sus Contornos un obradoiro creativo de reciclaxe mariña no que o alumnado de 4º de Educación Primaria transformou residuos plásticos recollidos na praia en pezas artísticas.
A deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García López, participou na actividade, que contou coa implicación de 34 alumnos e alumnas do centro e que forma parte das iniciativas apoiadas pola institución provincial para promover a educación ambiental entre os escolares da provincia.
O obradoiro foi o resultado dun traballo previo desenvolvido co alumnado, que participou nunha xornada de limpeza na praia urbana de Sada para recoller residuos plásticos e outros materiais abandonados no areal. Eses elementos foron empregados despois no centro escolar como base para a creación de obras artísticas, nun proceso que permitiu ao alumnado comprobar de maneira directa como un residuo contaminante pode converterse nun recurso para a sensibilización ambiental.
Durante a sesión, os nenos e nenas traballaron con soportes ríxidos, pinceis e pintura para integrar os plásticos recollidos nas súas composicións. A actividade permitiu abordar, desde unha perspectiva lúdica e participativa, o impacto dos residuos no medio mariño e a importancia de reducir, reutilizar e reciclar.
Rosa Ana García destacou que "a educación ambiental funciona mellor cando se vive en primeira persoa, con actividades divertidas e en grupo como estas". "A Deputación quere seguir apoiando iniciativas que acheguen a sustentabilidade ás aulas dunha forma práctica, próxima e creativa. Coidar os nosos mares tamén comeza por educar, por explicar e por facer partícipes aos máis pequnos da importancia de protexer o mar e o medio ambiente", afirmou Rosa Ana García.
As dúas actividades, tanto a limpeza da praia como o posterior obradoiro artístico, estiveron dirixidas por Ana Cabanes Fontao, artista multidisciplinar cunha liña de traballo centrada na ecoloxía e no uso creativo de residuos mariños.
