Estás en:Novas

A Deputación impulsa o ciclo ‘As tolas que non o eran’ para recuperar a memoria das mulleres silenciadas polo sistema psiquiátrico

As sesións, cuxas datas se anunciarán proximamente, desenvolveranse nos concellos da Baña, Boiro, Coirós, Mañón, Padrón e Sobrado

A Deputación impulsa o ciclo ‘As tolas que non o eran’ para recuperar a memoria das mulleres silenciadas polo sistema psiquiátrico

Coincidindo co Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres, que se conmemora o 28 de maio, a área de Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña impulsa o ciclo 'As tolas que non o eran', unha iniciativa destinada a recuperar e visibilizar as historias das mulleres que foron internadas no Manicomio de Conxo entre finais do século XIX e comezos do XX.

O programa estará integrado por seis charlas-obradoiro impartidas pola investigadora Carmen Vidal Valiña, autora do ensaio As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo 1885-1936 e especialista no estudo dos arquivos do centro.

A través destas sesións, abertas ao público de todas as idades, abordarase o funcionamento dos hospitais psiquiátricos como espazos de control social sobre mulleres consideradas "problemáticas" por non encaixar nos mandatos de xénero da época. O ciclo afondará nos perfís e vivencias das internas do Manicomio de Conxo, así como no uso da psiquiatría como mecanismo de control da disidencia feminina.

As actividades incluirán tamén a análise de documentos reais procedentes do arquivo do centro, entre eles cartas e historias clínicas, así como un obradoiro final de escritura colectiva para contribuír á recuperación da memoria destas mulleres inxustamente encerradas e invisibilizadas.

A iniciativa pon o foco na necesidade de revisar as violencias históricas exercidas contra as mulleres baixo discursos médicos ou morais e nace nun contexto de renovado interese público polos arquivos e documentación vinculados ao Patronato de Protección de la Mujer.

Co ciclo 'As tolas que non o eran', a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso coa memoria democrática, coa igualdade de xénero e coa recuperación das voces historicamente silenciadas. As sesións desenvolveranse nos concellos da Baña, Boiro, Coirós, Mañón, Padrón e Sobrado en datas que se anunciarán proximamente.