Estás en:Novas
A BPDC comprometida coa sociedade

9 de xuño, Día Internacional dos Arquivos #SOMOSARQUIVO

Esta celebración anual procura destacar a importancia estratéxica dos arquivos, e dos profesionais que os atenden, para avanzar na eficiencia e na transparencia das administracións públicas, así como para a conservación e posta en valor do patrimonio cultural.

9 de xuño, Día Internacional dos Arquivos #SOMOSARQUIVO

Traemos unha escolla de documentos da colección Familia Brocos, para sumarnos ás celebracións polo Día Internacional dos Arquivos. Uns documentos de Isidoro Brocos sobre música.

A Familia Brocos

A familia Brocos era oriúnda das terras medias do Ulla e durante moitas xeracións estivo vinculada aos poderosos condes de Altamira, a quen serviu como labradores e criados. Eudgenio, o pai de Isidoro, traballou para estes nobres como pintor de coches e carruaxes, na Vila e Corte de Madrid, durante a primeira metade do século XIX e, posteriormente, como porteiro no palacio que os condes posuían no centro de Santiago de Compostela. Alí viviu coa súa familia, formada pola súa segunda esposa Juana Gómez, os seus fillos Isidoro, Filomena e Modesto e o seu irmán Juan que era escultor de certo prestixio.

Unha familia de artistas

Tres dos fillos de Eugenio Brocos herdaron as habilidades artísticas da familia, aínda que Filomena acabase dedicándose, de maneira total, ao maxisterio. Isidoro e Modesto (bolseiro da Deputación da Coruña) completaron a formación artística que iniciaran no seo familiar, na Escola de Debuxo da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, onde destacaron polas súas cualidades innatas.

Isidoro e Modesto relevantes artistas do Renacemento galego.

Modesto foi pintor, e Isidoro escultor, gravador e debuxante de gran talento, caracterizouse polo seu interese en levar á arte a representación dos temas populares da súa terra. Tamén foi profesor durante moitos anos na Escola de Artes e Oficios da Coruña, onde tivo como alumno a Pablo Picasso.

Na biblioteca están 99 partituras musicais da súa biblioteca persoal.

Colección de música

A relación de Isidoro Brocos, e outros membros da súa familia, coas artes plásticas é abondo coñecida, pero igual non tanto a que teñen coa música.

Na Biblioteca Provincial, ademais de contar co primeiro proxecto para o Monumento aos Mártires de Carral, de Isidoro Brocos tamén temos unha interesante colección de partituras.

É xusto esta parte a que queremos poñer en valor no día de hoxe, e por iso escollemos algunhas partituras de música galega (muiñeiras e outros cantos recollidos por Isidoro e a súa familia) e tamén varios documentos gráficos onde se reflexa o deseño dunha zanfona, instrumento especialmente aprezado por el, como podemos ver nalgunha das súas esculturas (Escultura dun cego con zanfona en Costumbres de Galicia en el siglo pasado)

Agardamos que vos resulten tan interesantes coma a nós, e se queredes estudar esta e outra documentación da Biblioteca Provincial nos escribades a biblioteca.info@dacoruna.gal para que poidamos axendar a consulta, ou algunha visita.

Feliz Día Internacional dos Arquivos!